Opinión

Comezando o curso: horas e ratios

Vamos ver, horarios e ratios de profesorado son cousas moi complexas que se xestionan de sempre con respostas simples. O eixo son o número de horas por profesor. Horas lectivas son as de presenza na aula (entre 15 e 20 normalmente) e logo hai outras: gardas, titorías de pais e de alumnos, reunións varias, actividades, etc. ata sumaren 23 que é o número máxico que asina todo o profesorado de medias. E despois vén o inmenso e hipervariable traballo na casa (preparación das clases, actualización continua e, sobre todo, a maldición do profesor, a corrección de exames, probas e traballos) para o que a uns lles chegarían 14 horas semanais e a outros non.

Porque se sumamos realidades distintas e dividimos simplemente por un número, pódense ver imaxes distorsionadas. Entre Amancio Ortega e eu xuntos temos máis diñeiro que o resto dos españois... e non minto. E quero dicir con esta hipérbole que as horas lectivas -e os traballos de preparación, corrección, atención, etc.– son moi distintas de profesor a profesor, de materia a materia, aínda co mesmo número de horas teóricas. E estas variables nunca se contemplaron porque é moito lío meterlle dente. Por exemplo, hai materias comúns e optativas. Os primeiros teñen todos os alumnos e os segundos, só os que as escollen. Así, un profesor, por exemplo, que cubra as súas 18 horas de materias obrigatorias en Bacharelato, pode ter 180 alumnos, e os de optativas pouco solicitadas, pois menos da metade. Imaxinen a diferenza de volume “para casa” de, por exemplo, corrección de probas e traballos multiplicalo por 180 ou por 80 cada unha das avaliacións. 

E a ratio. O número de profesores. Nos últimos anos que exercía a Dirección no IES As Lagoas en número redondos eran 70 profesores e 700 alumnos. A división é fácil (1 para 10) pero case tan enganosa como o de Amancio Ortega e un servidor de vostedes. Ao que vou, vivimos nun país, nunha sociedade ultraconservadora instalada no lamento. Igual que ninguén se cuestiona a validez dun sistema de división de concellos feita en 1833 para a sociedade actual, tampouco a organización xeral do ensino é a tal para hoxe, por moito que Consellería -e sobre todo profesorado- fagan o que poidan. 

Creo que para a equidade de traballo e retribución dos profesores cumpría establecer uns sistemas de compensación obxectivos consensuados (complicado, claro) da carga laboral partindo da diferenza entre esta e a carga lectiva. E para esa equidade valoraríanse outros factores máis alá do número de horas lectivas, como numero de alumnos ao cargo de cada profesor, número de grupos, outras actividades no centro e o máis problemático, o perfil de cada materia impartida. Isto último sería moi discutido porque todos os profesores tenden a hipetrofiar a importancia da propia fronte ás demais. Pero pódese obxectivar: curso no que se imparte, materias que entran na selectividade ou non; materias que implican un especial esforzo corrector -traballo para casa- como linguas, matemáticas ou sociais, etc. etc. 

Ser é difícil de afrontar, claro, pero tamén inxusto que compute igual -que se “pague” igual- o esforzo de impartir un Estudio Alternativo en 1º da ESO que unha, digamos, Bioloxía en 2º de BAC. Non se preocupen. Ninguén se atreverá. “O que funciona, aínda que sexa mal, non o toques”, é a filosofía conservadora dominante. E se cadra ten razón. 

Te puede interesar