Opinión

A complexidade das eleccións

Isto de votar é unha cousa tecnicamente moi simple: vostede escolle un papeliño entre varios, méteo nun sobre, ponse á cola onde lle din, e cando lle cadra, dálle o seu DNI a unha persoa que comproba que está nunha lista e mete o seu sobre nunha urna de metacrilato onde cae sobre outros que xa había dentro. Ao acabar o día cóntanos unhas persoas que fan debuxiños como rosas ou pauciños que tachan. Despois uns están serios e outros rin. E todos falan por teléfono e din que gañaron. Fácil? Parece, pero non. Hai que escoller o que un cre que será mellor. Como todo na vida. Fálolle a esta moza ou a estoutra? Estudar isto ou o outro. Ir ou non ir? Carne ou peixe? Chupito de herbas ou de licor café? Outra copa ou marchar para casa? Todo son encrucilladas. Unhas máis importantes e outras menos, claro. E cada vez que escollemos algo, deixamos algo. O entrecot non está mal, pero a pescada con ameixas... E nós temos que escoller politicamente en cinco ocasións cada catro anos (son moitas: non é fácil acertar sempre) e para catro “capas” de poder.

A primeira “planchada”, a máis próxima, a municipal. Buscamos xente para gobernar o concello. E aquí debía ser menos complicado. Non se nos ocorre pensar en votar a uns para defenderen só o barrio fronte ao concello. Non hai Partido das Lagoas, Partido de Mariñamansa, etc. A entidade administrativa é suficientemente pequena. No extremo contrario están as eleccións europeas. As máis afastadas de nós; o faiado do edificio democrático, sería. Mandamos xente, moi ben paga, seica, a Bruxelas e Estrasburgo. E aí xa hai moita máis complicación. Que quero eu, un deputado que vaia centrado sobre todo en defender os intereses do conxunto do Estado, de España, ou outro que teña por centro único os da comunidade autónoma? Home... Por iso, e porque son pouco atractivas, xógase con elas sempre “ao arrimado”; sempre con outras para animarnos. E entre a do faiado europeo e a dos inquilinos da Praza Maior, hai outras dúas capas. Unha, na autonómica –segundo piso- escollemos aos que gobernan na comunidade.

Aquí tamén temos a disxuntiva. Pensar na comunidade como un todo único, centro exclusivo da nosa acción política, ou como parte tamén dun outro todo máis amplo. En Galicia, con moita vida democrática, cambiamos varias veces de orientación. Levamos dúas xeiras de esquerdas –Laxe e Touriño- entrefrebando tres de dereitas –Albor, Fraga e Núñez. Aínda así, creo que as eleccións máis importantes, máis transcendentes, son as da terceira planchada. Aquí hai un piso grande e moi principal –o Congreso– e un pequeno apartamento de luxo, medio clandestino –o Senado-. No piso grande, reside o centro de mando: o presidente da comunidade de veciños, o administrador... e son os que teñen as firmas do banco, as chaves dos apartamentos, do ascensor, dos trasteiros, levan as relacións coa señora da limpeza, co calefactor, cos provedores, cos veciños de arriba e de abaixo, cos dos edificios dos lados, coas autoridades...

Ao saír do ascensor, neste terceiro, vese un letreiro: “Soberanía Nacional”, con moitos grafitis en varias linguas. Aquí é onde se corta o bacallau. Por iso estas eleccións son tan importantes. E por iso debemos votar como se dependese de nós, de cada un de nós, a presidencia da vella Comunidade de Veciños que, cousa rara, todos queren. Aquí tamén cambiamos varias veces de orientación. Toca agora? Vostedes dirán.
 

Te puede interesar