Opinión

A declaración (ir)responsable

A Consellería de Educación pasounos unha fotocopia -sen lembrete nin indicación de a quen vai dirixido, por certo- en que nos reclama aos profesores que asinemos, de acordo cunha lei superior, unha “Declaración responsable e autorización de acceso” na que debemos indicar, textualmente, “que non fun condenado por sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e a indemnidade sexual, que inclúe a agresión e abuso, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como trata de seres humanos”. E segue: “Asemade autorizo á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos a consultar os meus datos de identidade do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e o acceso ao Rexistro Central de delincuentes sexuais”.

Como poden supor, teño dúbidas. Teño dúbidas se se trata dunha simple estupidez ou dunha pura parvada. Pero témome que sexa algo peor: a inercia do politicamente correcto, ese gran mal que aferrolla o sentido común. O outro día faláballes do Boi de Allariz e dicíalle que empezaron prohibindo os circos cos animais e agora eses promotores vólvense contra os seus aliados e piden da prohibición da Festa do Boi... Pasado mañá, a das carnicerías, seguro. Perdemos o norte.

Vexamos. Hai un dous por certo de poboación tola. Electricistas, arquitectos, psiquiatras, ecoloxistas, labradores, profesores, curas, aviadores... En Xapón, Verín ou Hamburgo. E ese dous por cento debe ser tratado como cómpre en cada caso, pero non pode ser o centro que xere noticias dominantes porque podemos crear unha sociedade que se crea enferma, e non o é. Se un tipo de oitenta e cinco anos viola a unha muller de cento un anos, pois medicina e xustiza, pero nada gaña ningún dos implicados coa publicidade; só o subxornalismo do desacougo. E digo eu, se un profesor, cura, médico, político, se sobrepasa sexualmente cun menor ou maior, todas as medidas penais que cada caso esixa. E tamén viría ben unha damnatio memoria: que apodreza onde deba, en silencio e escuridade.

Pero a alguén ocórreselle nalgún momento de quentura que había que facer un paripé de auto de fé entre todos os que teñan trato cos nenos do país, porque todos son presuntos culpables mentres non se demostre o contrario. E alguén promove unha acción disparatada á que ninguén, dadas as inercias críticas do país, se atreve a oporse. Medo ao que dirán. A quedar de “machista”. A que o sinalen como tépedo co delito. E así, rola a bola, medrando, ata que un día lle preguntan directamente aos docentes se son delincuentes sexuais. Nas salas de profesores de toda España enfadámonos e rimos. Uns diciamos de contestar, en plan infanta: “Non lembro ter sido condenado...” pero a verdade é que nos sentimos ofendidos e preocupados. Se os mecanismos de control do Estado sobre estes comportamentos só se basean na autoinculpación dos individuos, e en que estes dean permiso para furgar nos expedientes do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Facenda, mal imos.

Supoño que acabarei asinando para evitarlle un problema ao director, pois, claro, son eles os encargados de tramitar o absurdo. En fin, non hai problema. Sempre houbo que asinar disparates. Onte eran os “Principios del Movimiento” e hoxe isto. Non ten máis importancia que o que significa. Pero é bastante.

Te puede interesar