Opinión

Despois das eleccións do domingo

Tomemos como certo o que din as enquisas: o centro dereita (PP + Cidadáns) e a esquerda (Podemos-ETC + PSOE) equilibrados cun 45 % máis ou menos dos votos, mentres que o 10% restante sería para nacionalistas e, perdón, refugallo. No primeiro bloque, un PP á alza colleita o dobre de apoios que Cidadáns á baixa (sobre 30 % - 15%). No segundo Podemos-ETC, con moita menos diferenza, á alza, gaña ao PSOE á baixa. O problema do sorpasso (ou simplemente, pola galega, do “adiantamento”) é a imposibilidade política, técnica, material e cultural do PSOE para apoiar a Iglesias como presidente. Descartado. Nin o máis insensato dos socialistas españoles, nin os homólogos do PSOE europeos, estarían por esa coalición de goberno baixo un presidente de Podemos. E menos por promover que gobernasen sós como forza maioritaria da esquerda. Dito isto, e sabendo da práctica imposibilidade de “tripetir” eleccións, as formas de tecer o cesto gobernamental, son cada vez menos. 

Podería Podemos-ETC votar a favor da investidura de Sánchez como presidente débil nun goberno de coalición con eles, pero sen Cidadáns? Aceptaría Sánchez na súa ansia de BOE? E a integridade do PSOE e o socialismo europeo permitiríanlle este abrazo do oso podemoso, maioritario logo na mesa do Consello de Ministros?

Outras opcións? Que os rectores dos acuíferos subterráneos que apoian ao PSOE falen cos que apoian ao PP profundo e busquen unha solución dentro do sistema democrático actual, conscientes de que a grande coalición hoxe non é posible: a esquerda está sen inculturar neste tema (o que en Europa pode ser normal aquí soaría a herexía); e ademais o actual equipo foi exitoso na súa prédica interna de discurso de odio ad hominem contra Rajoy; algo de difícil parangón nos sistemas democráticos europeos desde a posguerra mundial a hoxe, pero, en calquera caso, imposible de superar ata que se destensen as cousas. 

Se a solución non vén por vía de urnas claras -que seguramente non virá- talvez se deba ir ao recambio de líderes dos partidos tradicionais. Sánchez, para moitos dos seus, sería despois dunhas eleccións na que quedasen terceiros, xa máis un estorbo de futuro que unha opción de esperanza. Rajoy, para moitos dos seus, tamén debería aceptar estar amortizado na xestión exitosa da crise e debería dar un paso ao lado. Despois dunha segunda vitoria en ascenso pero que tampouco lle serviría para gobernar, teríao persoalmente moito máis fácil. Podía pensar “voume por facilitar a continuación do país en mans “moderadas” non porque me boten”.

O PSOE facilitaría o goberno dunha opción PP sen Rajoy con grandes acordos de Estado? Para isto habería que, máis ou menos consensuar presidente/a de goberno e a fórmula. Se cadra, con outro lider -ou lideresa- do PP, ben recoñecible na política española, de dentro ou fóra do Parlamento -pois nada obriga a que sexa deputado- facilitaría o cambio de ciclo e Cidadáns tería, desde logo, máis difícil non achegarse. Esta hipotética circunstancia de renovación de liderados nos dous partidos principais podería servir para recuperar a iniciativa política para a imprescindible reforma do sistema político e para superar un ciclo político que dá síntomas de esgotamento e inaugurar outro de confluencias para os asuntos de España, de Europa e para os grandes retos que nos atafegan neste mundo inestable e cambiante. Quen ou “quena”? Vai ti ver. Pero ese é outro tema, claro.

Te puede interesar