Opinión

A diversidade da memoria

Como saben, e se non saben dígollelo, son pouco amigo da “memoria histórica”, por ser moi amante da “historia”. Porque a memoria é unha facultade persoal e intransferible, e o traballo do historiador, o que “constrúe” a historia, é combinar esas lembranzas persoais, xuntalas coas achegas documentais, dos medios de comunicación da época, cos restos materiais, e construír unha realidade que poderiamos dicir científica. Así, unhas persoas teñen boa memoria, outros mala, e todos, todos, selectiva. Si, a maioría da xente lembra o que lles sucedeu, no que estaban involucrados, e en xeral procura lembrar as cousas boas e esquecer as negativas, porque os que fan o contrario, están condenados a vivir no desacougo e no descontento. En calquera caso, o historiador, se é bo, “filtra” unhas visións e outras, cotexa, interpreta e escribe. E escribir só desde a memoria –para ben e para mal- é achegar unha experiencia persoal e intransferible non do que pasou, senón de como cada un viviu ou viu iso que pasou. E as botellas están medio cheas e medio baleiras á vez, e nós somos parte desa botella ao falar dela como medio chea ou medio baleira. Cantas veces nos ten pasado, lembrando algo con amigos, que uns din que foi dunha maneira e outros doutra, e ambos poñen a mesma paixón, convicción e firmeza, e nós nin sabemos de que falan. 

O outro día un artigo dun colaborador da casa lembraba a organización e celebración da Xornada pola Autonomía do 4 de decembro de 1977 celebrada baixo o lema unitario de “Coa autonomía Galicia empeza a ser máis nosa”. Un guasap dun amigo levoume a ler con intensidade o artigo, e excitada a miña memoria, lembreime dalgunhas cousas daquel día e daquelas reunións preparatorias no Ateneo, nas que, pipiolo de dezasete anos, tiven a honra de participar. Xa van alá trinta e sete anos! E miña lembranza é tamén moi persoal. Lembro a escolla de Eduardo Blanco Amor –a iniciativa de Manolo Peña Rey- como orador unitario, inmediatamente aceptado por todos; lembro o encargo a Xaime Quessada dun cartel unitario do que se fixeron milleiros de copias distribuídas para pegar pola cidade –cada partido un barrio-, máis unha edición especial de papel duro, para conservar. Lembro como Iago Seara elaborou o fino grafismo do cartel, enmarcando o debuxo de Quessada nun amplo paspartús burdeos, e como, modestamente, influín en que o texto fose lingüísticamente correcto. O cartel de Ourense pon “coa” e non “ca” e “4 de decembro” e non “4 de Nadal” como no resto de Galicia. Si. Lembro algunha outra cousa pequeneira: a tratorada promovida o mesmo día nas estradas pola UPG en protesta pola cota empresarial e para dificultar a realización das marchas; a polémica xurdida polas palabras de Eduardo Blanco Amor, ditas, cunha mala megafonía, no Palco da Alameda, gravadas por Servando Ellacuriaga e transcritas íntegramente en La Región uns días despois de seren retrucadas, tamén na prensa, por Xosé Luís Méndez Ferrín. E un par de incidentes menores. 

Pero o que máis lembro, sen dúbida, era o ambiente de ilusión e colaboración que había no Ateneo, no encontro de xentes e sensibilidades tan diversas, ao principio ollándose medio de esguello e logo con afecto... E a sopa de siglas políticas do momento -unhas cun apoio grande e outras con menos militantes que letras as integraban- e as organizacións cidadáns, tipo Coral de Ruada, que alí estaban, tamén ilusionadas. Pagou a pena? Sen dúbida si.

Te puede interesar