Opinión

Eleccións Ourense, 2015: DO

A progresión de Democracia Orensana, ata o presente, leva sido expoñencial. En 2003, a primeira vez que se presentou, sacou 284 votos (0,45%); en 2007, 1.757 (2,82 %), e en 2011, 4.529, o 7,79 % e dous concelleiros. Un grupo autóctono, o único só ourensán, pero que non fai do localismo a súa bandeira. Máis ben trátase dun voto de novo tipo, imaxinativo, rebelde, esperpéntico, non propiamente antisistema, senón antipartidos, antiinstitucións, vangardista, que fai da falla de respecto a todo e a todos un sinal de identidade. Non ten ningún corpus ideolóxico de referencia que nos permita adiviñar se tira para a dereita ou para a esquerda -no caso de que estas referencias sigan sendo válidas- nin sabemos nada da súa estrutura interna, asembleas, cargos, xeito de toma de decisións, etc., senón só da súa actuación cotiá instalada no ultraliberalismo e na incorrección.


É a politica como espectáculo, como divertimento. Non de xestión, senón de derribo e demolición. Que tanto lle falta ás concelleiras nacionalistas como pepeiras como aos socialistas. Ninguén escapa da lingua solta do seu figura. Por isto cautiva simpatías dos que se sitúan contra a política, en xeral. E de onde saiu? Pois para empezar, é a primeira formación política creada desde unha emisora de televisión artesanal, de curtísima programación por certo, centrada case só na promoción do seu grupo, e que retransmite incluso os plenos enteiros todos (o que a min, dito sexa de paso, paréceme que excede a liberdade de información e publicidade dos plenos e bordea a utilización de imaxe das persoas que neles interveñen, pero ese é outro tema). Emisora de fronteira, pois lembremos que en 2011 foi xulgado o seu xefe, propietario, etc. por piratear sinal de Canal Plus –acusado de reemitir o sinal comprado para o seu uso privado-, cousa que, por outra parte, lle parecía fenomenal a todos os que querían ver cousas de Canal Plus gratis.


Tamén se falou de que fora apoiado inicialmente polo PP para restarlle votos ao PSOE e que lles puido pasar un pouco como aos EEUU con Ben Laden... Non teño datos pero o que creo é que o seu medre non se debe a nada disto nin a un suposto corremento de votos dos críticos coa lista do PP, senón a que o seu xefe soubo conectar co descontento fronte ás institucións que hoxe capitaliza Podemos a nivel estatal. Velaí a clave: onde irán os votos dos que non queiran votar aos tradicionais? A DO ou Ourense en Común? Ao coñecido actuante ou a unión de persoas e sensibilidades moi dispares que teñen en común o rechazo ao establecido e as ganas de participar en proxectos como Podemos, CxG, Anova, etc., coordinados para a ocasión? Pois depende. Veremos. Pois o o voto DO non é tanto para un goberno, senón, puramente, de rabia contra todo, contra todos e, incluso ás veces, contra o bo gusto.
Esa unanimidade, moitas veces manifestada, das forzas da corporación contra o comportamento provocativo de DO, entenden eles, traducirase en apoio popular á súa postura. E veremos se o perfil do votante se mantén fiel o esperpento, ao circo, á hipérbole, ou se prefire algo máis normaliño. Claro que chimpar un edificio é máis espectacular e fácil (máis atractivo, pois) que construílo. Cantos mellores resultados obteña DO, creo que máis difícil será a gobernanza para calquera. En fin, pode que DO medre ata os 7.014 votos. Uns catro concelleiros, folgados, digamos.

Te puede interesar