Opinión

Eloxio da traizón

Escribía o outro día no seu facebook o amigo Carlos Varela: “Eloxio da traizón: cando o vello tarda en desaparecer e o novo que debe vir non acaba de chegar, o liderado hábil do traidor resulta providencial”. E non hai outra. Todo o outro é peor.

A palabra “traizón” non é tan fea. Vén do mesmo étimo que tradición. Unha especializouse na transmisión (como todo o que empeza por tra-) do que pasa duns a outros, e outra no que pasa algo a outros a quen o vello non considera amigos.

E o traidor, o que incumpre, pode ser de dous tipos. O deleznable incumpre xuramentos ou promesas pensando no lucro propio, como Xudas, por unhas moedas, sen que lle importe o que lles pase aos demais. Pero o outro é un ser marabilloso: ese que falta á palabra dada porque sabe que a felicidade, o benestar, a liberdade son moito máis importante que as palabras comprometidas, que como todas, acabará levando o vento, e que endexamais poden ser máis importantes que as persoas. Se a esencia da liberdade é a posibilidade de contradición, moitas veces os traidores son os que evidencian esa contradición, e son os líderes libres e visionarios do cambio. Marabillosos “traedores” traen cousas novas. Bendito Gorvachov, que desfixo os xuramentos feitos no Politburó ruso e foi traedor das liberdades a aquel país. Bendito Santiago Carrillo, que traicionou a historia do PCE ao aceptar a monarquía, a bandeira encarnada e amarela, símbolo do parto da democracia, filla esta cuxo pai foi o reformismo interno e a nai a oposición externa. Bendito Felipe González, que traicionou aos vellos socialistas que non evolucionaban, en Toulouse e Sureness, e logo aos seus pares co abandono do marxismo no congreso de 1979. Bendito Paco Rodríguez, que no seu momento, en 1986, dixo: onde dixen Carta de Brest, ETA, PSAN (p)-UPG, armas checas, Bases Constitucionais, HB, digo “prometo por Castelao”, Autonomía e Marco institucional. Bendito Adolfo Suárez, bendito Juan Carlos, ambos entrañables traidores ás palabras dadas circunstancialmente, e por iso esforzados traedores das liberdades eternas.

Si. Non hai dúbida de que Blas Piñar era máis fiel a Franco que Suárez. Non quería traizoar nada, pero non traída nada novo. Por iso, á non ser os que amaban o frío da caverna, os demais preferían ao traidor. Se cadra todos temos, dun xeito ou outro, vocación de infieis. Nas propias Cortes de 1976, aquelas do harakiri, puxeron de releve que os fieis franquistas case desapareceran. Os traedores foron por sorte maioría. Graciñas, procuradores en Cortes da última lexislatura do ferrolán.

Pero imaxina alguén a fidelidade gañadora? Que gañase Blas Piñar e saíse o non á reforma? Imaxina alguén que a esquerda non aceptase a república coroada, social e occidental que hoxe temos? Todo tería sido moitísimo máis difícil. Gracias, Tejero, por ter rematado a túa infamia sen sangue. Todo tería sido, tamén, moito máis difícil.

Souben que Chile iría ben cando vin que alí non había ningún partido que enarbolase a memoria de Pinochet. E souben que España marcharía ben cando oín a un neno de oito anos dicir, en 1983 que Franco descubrira América. A lousa do esquecemento debe sempre pesar máis que a memoria do esterco.

Graciñas, traidores ao feo e benfeitores da beleza. Graciñas Suárez, e traedores todos desta democracia que debemos sempre amar.

Te puede interesar