Opinión

"A Esmorga", O Berto e Ourense

Aínda non vin a película pero algo lles vou dicir hoxe da novela. Propóñolles algunha reflexión. Quero que pensen no equívoco moito máis habitual do que parece no que o público confunde o mundo da creación literaria coa reportaxe histórica. Loxicamente toda novela está situada nun lugar que adquire máis ou menos protagonismo -no noso caso moito- pero, fundamentalmente, é unha historia inventada por un señor na que nos conta estorias doutros señores. (Éme simpática a distinción que fan moitos portugueses, entre “historia” ciencia do pasado, “history” en inglés e “estoria”, conto ou invención, “story” en inglés. Así en galego poderiamos dicir “déixate de estorias” ou “déixate de contos” e deixar a historia con hache para cousas máis serias.) Volvo ao rego. O normal para ambientar e situar a acción dunha obra é escoller espazos coñecidos, pois noutro caso cómpre documentarse moito para que sexa verosímil. E esa localización e ambientación moitas veces pasa a ser, loxicamente, aproveitada, para o reforzamento da personalidade da localidade; e retroaliméntase a cidade da novela, pois ao estar literaturizada adquire un estadio superior de vida. E así, xunto cos cidadáns que foron moradores, digamos Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Eduardo Blanco Amor, viven dalgún xeito os cidadáns creados nese recreado espazo. Digamos, o doutor Alveiros, o Bocas, o Milhomes, o Cibrán. E co paso do tempo fúndense todos e pasan a habitar, xuntos e revoltos, o ceo etéreo e vaporoso que hai sobre as Burgas.

De aí que cando deseñaramos o roteiro da Esmorga, tal que en 1995, pensasemos en seguir con outros roteiros e doutros personaxes para afianzar a identificación multiforme de Ourense –Auria como capital literaria de Galicia-. Pero todo se acabará facendo. O Ourense señorito, fidalgo e liceístico do relato “Xaque mate” de Méndez Ferrín, ou dos fidalgos pedraianos paseando polo Espolón da Praza Maior, por exemplo, son outra capa dese mundo. E o da tensión burguesa e modernista de “O porco de pé” de Risco, outro. Hai moitos mundos neste mundo, moitos Ourenses neste Ourense. O que máis sona nos leva dado, por suposto, o de Eduardo, pois aínda que raramente entren os personaxes no centro urbano e transcorra a acción entre o suburbio e a marxinalidade, “A esmorga” é a novela de Ourense.

E é ben curioso como o paso do tempo resultou beneficioso para esta consideración. Cando Blanco Amor publicou a obra, alá en 1959, foi acollida aquí co fociño revirado. Lembremos que en Ourense, galeguismo daquela era sinónimo de Risco, Cuevillas, Otero, Xocas, señoritos todos católicos e conservadores, tirando a imaxinarios fidalgos intelectuais. E o que escribía era un emigrante. De familia de clase baixa. E con características e historia persoal que o afastan dos galeguistas. E a Auria recreada era un mundo de putas e borrachos. Nada de reboticas intelectuais e de libros franceses. Nada de liceos e bailes de salón carlistas, liberais ou masónicos. Nada da saudade de pazos na aldea, de tempos idos. Nada de tradición e mouros. Só o home fronte a un destino duro que o arrastra húmido e culpable cara ao desastre.

Un destes días marchou o Berto –a que nunca oín que ninguén lle chamase “pañuelitos”, por certo- home da mala vida, a quen moitos apreciabamos. Un personaxe que encaixaría, moi ben, no Ourense inmortal de “A esmorga”. Vai por ti, Berto. E descansa.

Te puede interesar