Opinión

A Esmorga: a película

Xa a vin. Merece a pena. Recoméndollela. A mellor de Ignacio Vilar, sen dúbida. A mellor película longa feita ata agora en galego, seguramente tamén. Hai moitos aspectos que sorprenden pola enorme calidade. A interpretación de Miguel de Lira é maxistral e digna dun Goya. E a dos seus compañeiros, Morris e Elejalde, non lle queda atrás. O movemento da cámara, os difíciles e longos planos secuencia, magníficos. A luz, a ambientación, a atmosfera húmida e abafante da novela, conseguidas plenamente. Váiana ver que lles ha de prestar. 

Dito isto, na miña opinión, hai cousas mellorables, que construtivamente digo. Creo que hai un excesivo respecto ao orixinal no tema lingüístico. Explícome. A igrexa cambiou hai uns anos o Padre Nuestro para substituír “perdona nuestras deudas como nosotros perdonamos a nuestros deudores” por “perdona nuestras ofensas como también nosotros perdonamos a los que nos ofenden“. Por que? Pois para adaptaren a mensaxe aos usos lingüísticos do momento. E a Igrexa sabe moito disto; leva dous mil anos no tema. Así, eu creo que a lingua, na literatura e na arte, debe ser, normalmente, un cristal limpo e transparente, conforme aos usos dos tempos. E que pase o máis desapercibida posible. A arte, a literatura, o cine, a poesía, debe ser o que hai da parte de alá da lingua, e non esta en si. Daquela, creo que debemos peneirar sen complexo ningún a lingua dos que nos precederon para adaptala aos coñecementos e usos modernos; e máis aínda, en espazos como o cine. Hoxe sabemos moito máis do tema que nos tempos de Otero ou Blanco Amor. E debemos evitar eses erros que tanto explicamos aos alumnos e que tanto dificultan a empatía co expresado. Unha película ou unha obra de teatro non deben ter “ruído” que nos distraia. Lembro unha “Fiestra baldeira” do CDG que respectaba incluso os pronomes mal colocados por Dieste. Non é bo que a atención engarre na lingua e sentir un “que dixo?”, sen resposta, murmurados ao do lado, por ditos fóra da comprensión oral normal de hoxe.

Pola contra, creo que hai algunha licenza temática que vexo de máis. Que a Raxada vincule a súa pobreza con ter sido afectada pola construción dunha presa, ou que Franco veña inaugurar a de Velle non me casa con ir traballar na construción da estrada de Erbedelo a xornal, nin co facer as sopas de allo nun pote colgado dunha gramalleira. Entendo a necesidade de “cativar” ao público, pero tampouco o “cameo” da escena inicial, nin as improbables fregas coas tetas da tía Esquilacha aos pés cheos de frieiras –ou sabañóns- do Cibrán, parece que acheguen algo especial. Tamén vexo a transición urbano-rural algo acelerada. Pásase de correren por unha rúa céntrica do casco vello da cidade, a apareceren no medio dun souto de caracochas ou nun regueiro impresionante. 

A película ten un final, para min, excesivamente súbito. Logo dunha imaxe do Cibrán en plano case fixo, sorprenden ao espectador dúas pantallas silenciosas cheas de texto e tras delas, os créditos finais.

O unánime apoio institucional e a marabillosa resposta do público é símbolo do interese na realización dun cine noso e na estima en que todos temos o traballo de Ignacio Vilar. Sen dúbida, Blanco Amor tamén ten motivos para estar contento. Váiana ver. Paguen a entrada. É a forma de consolidar este cine soñado onte, pero hoxe xa real.

Te puede interesar