Opinión

Sobre o galego no congreso

Yolanda Díaz tenta levar a iniciativa en articular unha maioría farrapeira -hai que anovar o de Frankestein que soa feo- e quere agradar os oídos dos propietarios dalgúns farrapos para que llos deixen tecer, que así é como se fan as farrapeiras. O caso é que si, creo que é interesante, xusto, equilibrador que nun lugar de concentración do poder ritual como o Congreso dos Deputados se oían as linguas todas de España. Algúns, de seu, simpatizarán coa idea; outros non. Pero son importantes unhas cuestións previas que, talvez, decanten as posturas: quen o debe falar, cando e en que circunstancias. Aquí tampouco haberá consenso. Algúns pensarán que sempre e en calquera momento os deputados deberían poder falar a lingua oficial que lles pete. Eu non lles son desta idea como tampouco de que se poidan usar todas as linguas de Europa nas esferas de traballo das institucións europeas. O exemplo do Parlamento Europeo non me gusta. Que haxa 900 tradutores e intérpretes fixos -e máis deses externos- para 705 parlamentarios, traballando en 24 linguas (coa posibilidade de 552 combinacións) é un disparate. Que gasten 1/3 do total do multimillonario orzamento da institución no tema, outro. Eu creo que uso do galego, vasco e catalán no Congreso debe cinguirse ás importantes cuestións de representación simbólica. 

Porque as linguas, á parte do valor principal -vehículo de pensamento, entendemento e creación- teñen outros de identificación persoal ou de representación simbólica colectiva. Así as persoas gozan dunha -ou varias- linguas primarias, automáticas “mamadas”, e outras adquiridas, ás que acceden con dedicación e esforzo. E todas forman o seu “repertorio lingüístico”, pois, por sorte, os falantes monolingües están desaparecendo en Europa. É mellor ter cinco linguas de comunicación ca unha, como mellor ter cinco millón de euros ca un. As linguas son riqueza e chaves que abren portas. E vostede, amable lector, que seguramente terá como primeira lingua galego ou castelán, usará tamén algunha outra na rede, nas súas lecturas, nos seus traballos e viaxes. E os seus fillos, seguramente, por sorte, teñen máis repertorio ca vostede. Ou hano ter. 

Ben, pois creo que nos debemos esforzar en facer respectar ao máximo os valores simbólicos das linguas minoritarias de España e promocionar o seu uso nos actos nos que os presidentes destas autonomías falen en nome das súas comunidades e, seguramente, nalgunha outra ocasión, pero sen simetría. (Da mesma maneira, por suposto, o rei, debe falar esas linguas, e usalas nas visitas como mostra de aprecio á España plural). Pero a lingua de traballo no Congreso debe ser, miren que cousas, o castelán. O noso deber, desde unha das “outras linguas”, é traballar para cambiar, aquí e alá, as connotacións negativas da diversidade. Nin, como sabemos, o galego é lingua de pailáns e nacionalistas galegos, nin debemos deixar que o castelán pase por lingua de pailáns nacionalistas españois. Nin a mínima ofensa á nosa, nin desprezar as vantaxes inmensas de contar co castelán no noso repertorio. 

Non quero tradutores para os meus deputados e senadores en Madrid nin en Bruxelas. Pídolles como votante, que saiban falar, ler e escribir galego sempre; castelán se van a Madrid, e se marchan a Europa, cando menos, outro par de linguas das grandes, tipo francés, inglés, alemán, portugués ou italiano. Non quero que os que piden na praza de Santa Ana unhas cervexas sen tradutor, escenifiquen unha artificiosidade irreal na cámara. Importante, insisto, respectar e valorar os símbolos. Ou sexa, o uso ritual do galego en Madrid, como o que representa o Panteón de Galegos Ilustres ou Estatua de Liberdade. Ou os leóns do Congreso, que non están, non deberían, na entrada dun circo. 

Te puede interesar