Opinión

Os gatos funcionarios

Sonlles neto, fillo, irmán de funcionarios e funcionario eu mesmo. Daquela o meu convencemento de que as cousas públicas funcionan grazas a que os funcionarios normalmente funcionan ben mellor que os que mandan neles, está refrendada pola experiencia. Subxectiva, persoal e intransferible, claro, pero experiencia. Ou se cadra veño de xente traballadora. En fin, como estou libre de prexuízos, voulles contar unha historia sobre os gatos funcionarios que traslada a tópica e falsa idea de nugallaus. O caso é que o outro día varias persoas con sentido do humor –e funcionarios- botamos unhas risas co tema. Así que, creo, tamén poden vostedes sorrir, sexan ou non da confraría, porque como dicía Peret, persoa que comunicou tantas alegrías vitais a tanta xente, “es mejor reír que llorar”.

O caso é que quen mo contou era unha persoa que coñece ben os sangumiños da cidade. Díxome, todo serio, que en Ourense había un problema de gatos funcionarios. Eu non daba crédito. Pero sacaron prazas de gatos para o Concello? Preguntei. Queren titulación ou características físicas específicas? Funcionarios os gatos? En que capítulo? E sobre todo, quen vai no tribunal? E contoume o caso. Desque puxeron esas casetas de madeira para acollemento de gatos non queridos nas casas en Ourense, esas casarellas onde se acollen para durmir e comer e o que faga falta, que pasou? Acomodaticios, esqueceron a súa obriga e vaguean ao máximo na nova vida regalada. Deixaron de cazar ratos porque prefiren á sopa boba a ter que mover o cu. Así, a praga de ratas e ratos que seica hai nos solares do Ourense antigo é perfectamente compatible co elevado número de gatos ben mantidos e ociosos. E cando riamos sobre a veracidade ou non do tema, veunos outra persoa dar outra información gatuna que asegundaba na mesma dirección.

O caso é que cando rodaron varias escenas da película A Esmorga nesas localización da cidade medieval, cumpriu sacar as casetas dos gatos, pois cadraban mal no filme. No tempo no que está situada a obra (fins do XIX) ou no que está a película (anos cincuenta do XX), os mozos andaban acantazando cans e gatos sen vergoña nin conciencia de pecado, polo que eses mimos de térmoslles apartamentos subvencionados en base aos impostos dos cidadáns, non tiña xeito. Daquela, meu dito, meu feito. Sacaron as casetas o martes á tardiña e rodaron, seica, mércores e xoves. O venres, claro, non era cousa de pórse ao tema, así que a cousa quedou para o luns, porque a fin de semana é sagrada. Total, de martes a luns. Os gatos andaban adoecidos dando voltas ao redor dos lugares baleiros das casetas miañando a todas horas e en todos os rexistros tonais agudos, esperando que alguén lles dese de comer polo papo, como se dun fillo noso se tratase. En fin, a ninguén, a ningún gato digo, se lle ocorreu o estarricar o lombo, encorvalo e poñerse ao traído e levado xogo de corre que te pillo gatuno-ratuno. Esperaban, protestando, aos seus servizos sociais. Teño unha idea para acabar coa proliferación dos felinos gordiños, de bo ano. A “Festa do gato” en Ourense. Acompañados de viño tinto das catro denominacións.

Te puede interesar