Opinión

Gaza e a decisión de Sophie

Os dilemas do demo é como lle chaman os xudeus a esas disxuntivas con dúas alternativas horrorosas. Lembren a realidade que deu orixe á película “A decisión de Sophie”: Nun gueto do leste de Europa, durante a segunda guerra mundial, os alemáns dinlle a unha nai que escolla cal dos seus dous fillos quere que siga vivo, pois se non escolle, matarán aos dous. Ou se o prefire, aos tres. Os rabís fálanlle do imperativo divino de manter sempre o fío da vida; pero máis alá diso, non saben que dicir e menos aconsellar. Unha disxuntiva do demo. Calquera das posibilidades arrepía.

Israel nestes momentos cre estar perante unha desas novas “decisións de Sophie”. Intervir en Gaza é horroroso pero fiar toda a súa protección ao sistema antimísiles “Cúpula de Ferro” tamén o é. O multifocal radicalismo islamita, en guerra sen cuartel contra Occidente, ten aí un catalizador emblemático. No Califato Islámico de Levante, en Nixeria, en Pakistán, en Somalia, en Bengasi, a banalización da morte, o exterminio dos moderados e cristiáns, están á orde do día. A vella proclama ridícula de Millán Astray, “Viva la muerte”, rexe alí a vida. En Cisxordania acariñan a lembranza laica de Arafat e nin lanzan nin reciben cohetes. Un lugar de distensión difícil, pero un niño de esperanza. Os destinos están máis xuntos agora, sen violencia, que antes do muro. Os turistas e peregrinos que van a Terra Santa visitan Xerusalem e a palestina Belén. Pero en Gaza, de onde Israel se retirou en 2005, Hamás aposta pola guerra. Contra Al Fatah, e sempre, sempre contra Israel, non esquezamos, illa occidental en medio do abaneo de primaveras murchas. Pero hai unha diferenza. Nós, ollando o tranquilo marenostrum atlántico, lemos na Biblia o de pór a outra meixela... Pero eles, padecedores e no ollo do furacán da historia, len no Talmude: “Se es piadoso cos crueis, acabarás sendo cruel cos piadosos”. Así o goberno israelí prendeu un contralume enorme, creo que desproporcionado, para atallar o lume que de Gaza lle vén. E deste incendio todo o leva, Israel só pode saír perdendo. Porque dentro das moitas guerras que hai nesta guerra, hai batallas perdidas. A da comunicación, unha delas. É curioso que nos medios ninguén se interrogue porque o mundo árabe e musulmán cala ou só rosma polo baixo. Creo que saben que hoxe, o perigo de verdade para eles, é ese integrismo materializado no proclamado Califato Islámico que se estende desde as fronteiras de Turquía ás portas de Bagdad. Integrismo máis próximo a Hamás que ningún outro movemento antiisraelí e que chama aos civís a subir ás terrazas desde onde se lanzan os mísiles sobre Israel para facer de escudos humanos, de mártires. Porque cantos máis mortos do inimigo e propios, mellor. Onte había só batallas nos campos, hoxe tamén nas redes. O Califato sábeo ben cando publicita os seus matarifes ceutís rodados de cabezas inimigas ou os crucificados en Alepo. Ás traxedias que sofre Gaza –o dominio militar e ideolóxico de Hamás e as bombas israelís- engádenselle, intoxicadoras, imaxes dos masacres en Siria como se fosen cousa de Israel e non dalgunha das faccións islamitas pelexas naquelas vellas terras de ecos bíblicos.

Creo que a grandísima achega que poden facer os medios occidentais nun asunto como este é a aposta pola paz, só pola paz. Sen inxenuidades nin enganos.

Te puede interesar