Opinión

Os incendios, en setembro

Xa que a temporada de incendios non foi en xullo nin agosto, este ano toca en setembro. E non convén pórse nervioso, porque as administracións e particulares están facendo o que poden en canto a limpeza de fincas, organización de brigadas, etc. (Ben difícil é, por certo, topar quen che limpe un monte: un novo nicho de negocio). Así que o que teña que vir, virá. Xa saben, xa é lugar común o do 30-30-30: graos, humidade, vento. En canto se poñan as cousas dese xeito, arderá: é só ciencia e experiencia. E non ten moitas voltas. E é perda de tempo buscar culpables inmediatos sempre no “outro” político, porque sabemos que lle ardeu a todos e por iso todos deben traballar xuntos tanto na inmediatez do combate ao lume, cando cadre, como nas estratexias que é preciso impulsar por tras. Porque os problemas estruturais dun país, non son deste ou daquel, como o da caída demográfica, o cambio climático, ou a inmigración, e deben suscitar os máximos consensos. Por iso, creo que é mellor falar da xestión do lume cando non arde, porque cando o fai, todo o mundo anda nervioso e quente e con urxencias perentorias. Si. Aproveito, pois, que aínda non empezou por aquí, para falar dunha realidade que é a que é. 

Rógolles enreden uns momentos na marabillosa páxina de mapas dos eficaces cartógrafos da Xunta (https://mapas.xunta.gal/visores/basico/). Escollendo na primeira pestana poden comparar os mapas e fotos aéreas que teñen na súa base. Simplemente seleccionado as fotos a comparar, a dereita e esquerda, ampliando as zonas, e movendo o cursor. Hai onde escoller, desde vóos de 1946 -as cidades-, os famoso “voos americanos” de 1956-7, ata os dos anos vinte desde século. E que se ve? Pois nada que non saibamos intuitivamente. Nunca houbo tanto monte e tanta árbore, coma hoxe. O bosque perdeu a súa función e avanza como monte e mato descontrolado, como unha unha praga bíblica, sobre as antigas terras de cultivo. Os socalcos da Riberia Sacra, do Miño ou do Bibei, un exemplo. Unas cifriñas de conxunto: Desde o ano 1987 a hoxe desapareceron máis de 2/3 das explotacións agrarias, e quedan xa só unhas 75.000. Nun país de 2,7 millóns de habitantes, só hai 75.000 explotacións familiares, na súa maior parte. O resto, abandonado. Só están labradas unhas 180.000 Ha. sobre as 600 mil, de SAU (Superficie Agraría Útil). (Galicia ten en total 2.957.480 Ha.) Así pois, o reto parece como reconducir as terras que se desexa abandonar en dúas direccións: que se integren noutras explotacións ou como se logra o paso a terreos de silvicultura, de bosque especializado, para que o monte non coma todo, pois o monte, abandonado, sen valedor nin uso, arde. En vez de ser o lugar de apañar leña de onte, é hoxe o monstro que invade ata as casas e o lugar onde os vellos se perden porque cambiaron as referencias espaciais. E como non hai variñas máxicas, e todos sabemos isto, só existe xuntar ombros e remar na boa dirección.

En fin, a inmensa capacidade que ten a natureza en Galicia de ocupar terreos abandonados é a mesma que a de recuperación despois dos incendios. Así que sería facer da xestión do medio natural e duns lumes, simplemente, un tema común. Como o tráfico. Ou tantos outros. Menos pelexas políticas e máis reflexión e acción é o que pedimos moitos cidadáns. E min compráceme facelo, sen lume no monte. Aínda.

Te puede interesar