Opinión

Por que marco o X da Igrexa

Hai opción, hai dúas casiñas, e opto por unha coa mesma lexitimidade que se o fago pola outra. Como nas eleccións, marco o que creo que vai xestionar mellor o meu apoio. E resúltame desacougante que algúns dos que promoven que se marque a outra digan iso de que “aínda quedan x persoas que non marcan a nosa”, como se os que non o fan deban ser unha especie a extinguir, inferior moralmente. En fin. O Estado de hoxe ten unha función social que non tiñan as autoridades liberais de Ourense que descuartizaban aos carlistas e expuñan as súas partes na Praza Maior, tal que en 1838. O Exército actual, que fai misións humanitarias en Líbano ou de defensa dos pescadores no Índico, nada ten que ver con aqueloutras xentes de armas que se enfrontaron na Guerra Civil española. A Igrexa de hoxe nada ten que ver coa da Inquisición nin coa que tiña reticencias a aceptar o estado liberal no XIX. Hoxe, á parte da relixiosa na que non entro, ten unha especial e grande función de acompañamento entre un segmento importante da poboación moi vulnerable á soidade. Leva, tamén, accións solidarias por todo o mundo a través de organizacións misionais, ou tamén puramente sociais como Cáritas. Pero actúan tamén na proximidade entre os máis desfavorecidos, como vemos nos comedores sociais ou na recollida de roupa. E que dicir da atención a anciáns como na Residencia San Xosé ou nas residencias impulsadas con criterios de eficacia empresarial por membros da Igrexa? En fin, a súa función social é innegable. As portas das parroquias adoitan estar abertas para as desgracias alleas, incluso ás veces traendo a propia, como no tristísimo caso de don Adolfo en Vilanova dos Infantes.

E o patrimonio cultural. Efectivamente, estudar a historia de Occidente, gozar da historia da arte é imposible sen achegarse a ese inmenso patrimonio arquitectónico, moble e inmoble, documental e artístico, que está en mans da Igrexa. É moi malo de manter e precisa todas as colaboracións, públicas e privadas. Por moi neutral que sexa o Estado na cuestión relixiosa -como debe ser- non se pode esquecer a importancia relativa de cada confesión na conformación do patrimonio cultural propio, da identidade histórica particular.

En fin, cando marco o meu X en favor da Igrexa na declaración da renda, non o fago por meapilismo, nin sequera por ser gran visitante de igrexas, máis alá dos habituais funerais -bastantes-, e vodas e bautizos, poucos. Fágoo porque considero que os meus cartos irán ben empregados. Creo que moitas das ONG que se beneficien dos que marquen a outra casiña, tamén, por suposto. Pero a miña liberdade de opción está aí, e eu exérzoa.

E tamén marco ese X, por un tema tráxico e oculto: o ataque que sofren os cristiáns só polo feito de séreno nunha boa parte do mundo, sobre todo África e Asia. Un exemplo, nos catro primeiros meses de 2021 en Nixeria foron asasinados 1.470 cristiáns polas milicias de Boko Haram pero aínda máis polas dos yihaidistas da etnia fulani, gandeiros, fronte aos agricultores cristiáns doutras etnias. Si. No ano pasado 2020, foron asasinados no mundo 4.761 cristiáns, 13 por día. Máis do 90 por cento en países de África onde se trasladou o centro da loita o islamismo radical despois da derrota de Iraq e Sira: Somalia, Kenia, Mali, Burkina Faso...

E alegraríame que algo do meu diñeiro vaia para estar cos que sofren alí, ante o noso silencio.

Te puede interesar