Opinión

Obscenidade, capitalismo, fútbol

Non sei se a palabra “obscenidade” virá como din uns do latín “ob caenum”, expoñer a inmundicia fóra, ou como din outros, da forma “ob scenus”, saírse da escena, do teatro da vida, do correcto. O que si sei é que o seu antónimo, a palabra “decoro”, ten que ver cun latino “decor”, beleza, encanto, graza, do que tamén vén decorar e decoración. O decoro decora, e a obscenidade, lixa.

En calquera caso estou preocupado porque comportamentos obscenos, nada decorosos, na sociedade actual deixen de ser noticia. Despois falareilles dun. Despois.

A min gústame a sociedade occidental. A capitalista, máis concretamente. Con virtudes públicas e privadas (non me gusta a expresión “valores”, que logo todo ten un “valor” e se compra e se vende, mellor virtudes). O noso, dicía Churchill, é o peor sistema de goberno excluídos todos os demais. Por iso me atraen na historia as democracias como a inglesa, que sostiveron a ollada limpa e a mente clara mentres enterraban, co corazón roto, os caídos nas guerras mundiais. Por iso aborrezo o capitalismo entolecido, ultraideoloxizado. Da Alemaña ou Italia daquela época. Ou tamén, o desaforado de hoxe en Rusia, China e non sei se o de aquí. Porque o capitalismo pode desvariar e pensar que hai algo máis importante que a xente. Ou que é máis importante o beneficio que a natureza. Se así se comporta, se sacraliza o valor do beneficio ilimitado, da banca rapineira, da construtora hipertrofiada, do aproveitado sen límites e con xustificación dogmática, se se perde de vista que o obxectivo de calquera sistema social debe ser a felicidade humana maioritaria, entón a cousa vai mal.

Ou sexa, creo que é unha obscenidade que Messi cobre 23 millóns de euros limpos ao ano, aínda que produza máis ao seu club, e creo obsceno un sistema que potencia iso. E non sei se será aínda peor que ninguén se achegue ao tema desde a crítica como síntoma da perversidade do sistema actual. Para min, que queren que lles diga, paréceme isto vinte e tres mil veces máis grave que tratar de enchufar nun traballiño modesto a un tipo que non sabe valerse ben por si mesmo. Paréceme ben máis humano, máis comprensible que darlle medio millón de euros á semana a un mociño por enredar cunha pelota.

Hai un grave problema de promoción de modelos. De espellos para os mozos. Messi –a quen eu non distingo de seu pai, por certo- parece, ou faise, coitado e comedido. O outro, o Ronaldo, semella máis atrasado na liña evolutiva do sapiens. O seu comportamento o outro día, sen camiseta e urrando, resultan só comprensible nun neno de 14 anos, expulsado do colexio por tirarlle unha silla ao profesor á cabeza e que nunca máis volveu á escola. Aínda que axudara á familia a saír da súa marxinalidade, como bo fillo e bo irmán, é un túrzaro.

En fin. Todo o que rodea o fútbol é unha obscenidade invasiva e asumida socialmente sen contestación ningunha. E preocúpame. Outrora os anticlericais pensaban que a Igrexa influía de máis na xente; agora, a vangarda, os antisistema de verdade, somos os ateos do fútbol-relixión, os que queimariamos sorrindo posters dos deuses do balón, os que nunca entramos nos seus templos-estadios nin seguimos as súas misas-partido pola televisión. Inda que nolas queiran meter polos ollos na rúa.

Te puede interesar