Opinión

Oportunidade perdida

R esulta cousa simple e dolorosa perder cousas sen gañar nada. Impensable que o fagan xentes formadas e do nivel que eu sempre lles supoño aos xestores municipais. E resúltame incomprensible se falamos do goberno da capital de Galicia. Pero a realidade é a que é. E a Marea, o BNG e o PSOE, creo, acaban de facer algo inxusto, triste e prexudicial para os intereses santiagueses e galegos. Cóntolles e xulguen.

As liñas aéreas israelís El Al estaban pensando en abrir unha vía aérea que comunicase as tres cidades santas da cristiandade: Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela. Queríana probar catro meses neste verán e disque tiñan as negociacións avanzadas. Trescentos cincuenta mil son os turistas israelís que visitan España todos os anos, pero as potencialidades son moito maiores: historia, arte, relixión, ciencia, Camiño de Santiago, negocios... Abriríanse inmensas posibilidades tamén noutros terreos, como o da promoción das visitas a Ribadavia, Tui, Monforte, Allariz, Oporto... o termalismo, o enoturismo, o noso balcón sobre o Atlántico, etc. En fin, poderiamos achegar o coñecemento desta terra a outras xentes de diásporas e incomprensións. En fin, non vai poder ser porque ninguén vai onde lle cospen. E o Pleno do Concello de Santiago acaba de pregarse unha vez máis á vergoña dunha campaña miope, inxusta, extremista, xenófoba e incualificable, coa confusión habitual dos falsos “progresistas” españois. Resulta que unha chea de grupiños antisistema arrexuntáronse con inxenuos de toda nación a nivel europeo para promover, nestes avoltos tempos que corren, o boicot radical a Israel e a todo elemento xudeu do mundo, independentemente das súas ideas ou posicións e da súa actividade. En Santiago manifestouse para suprimir este veto vergoñento o PP. e a favor de seguir o ataque contra todo o israelí situáronse o BNG, a Marea e, dunha forma nada responsable, o PSOE. Imaxina alguén a socialdemocracia alemá ou aos socialistas franceses collidos da man dos antisistemas, facéndolle a contra ao estado de Israel, ou sexa o caldo gordo ao islamismo radical? O sorpaso de Podemos no se produciu nos resultados electorais pero si na imposición da axenda. Os mesmos que agrediron hai un seis anos na Universidade Autónoma de Madrid ao científico especialista en tratamento de augas residuais Eytan Levy; os mesmos que impediron hai unhas semanas a charla na Autónoma de Madrid do profesor da Universidade de Xerusalém Haim Eshach cun tema tan perigoso como “El programa israelí de ciencia y tecnología en las guarderías”, marcan o paso a un PSOE desnortado. Imos mal.

Pero se vostede cre que nestes tempos avoltos Israel, cos seus defectos, son “os nosos”, os occidentais, nese lugar tan axitado do mundo, e se cre que as boas vontades na busca da paz non poden deixarse manipular polo islamismo radical, non se preocupe. Non está só. Ben viu que as voces dominantes nos medios e os resultados electorais son distintos. Unha cousa é o que se di para quedar ben co grupo, outra o que se pensa e outra o que se fai. E ás veces hai silencios que din moito máis que unha enxurrada de palabras. Algúns queremos, simplemente, dar altavoz ás palabras amizade, pacifismo, concordia, Israel e Palestina, e afastarnos das inercias tóxicas de boicots e os odios.

Te puede interesar