Opinión

A tapa da empanada

Releo con motivo de dedicarlle a festas das letras a obra de Filgueira Valverde. Unha das cousas máis accesibles, polo curioso e interesante, son as prosas de nove libros que levan o mesmo nome, “Adral”, e que foi numerando do I ao IX desde 1979 a 1996. Editados orixinalmente polo seu amigo Isaac Díaz Pardo en Ediciós do Castro, hoxe encóntranse en proceso de republicación da man de Galaxia que xa ten na rúa o I e II. Trátase, pois, de nove volumes que concentran artigos do Filgueira máis didáctico, esparexidos por xornais, revistas, homenaxes e algún que outro inédito, de temática absolutamente variada, agás o tomo IV que é monográfico sobre Castelao. Temática variada pero, loxicamente, remoendo nos temas que máis lle interesaron sempre. Historia, memoria, experiencias de vida, amigos, personaxes admirados, literatura medieval e moderna, etc. Son un cúmulo de erudición incomparable. Por iso, o catedrático de literatura galega da Universidade de Barcelona Basilo Losada dicía que sería o que levaría a unha illa deserta.

Así, leo no “Adral V” un artigo titulado “Das empanadas”, publicado orixinalmente nun xornal de Santiago, e acabo abrindo a boca. Comeza facendo un pequeno repaso pola iconografía da empanada nos monumentos galegos. No Pórtico da Gloria, por exemplo, aparece sendo comida a bocados, e el supón que estarían recheas de sapos e cobras. Despois fala das Cantigas de Santa María; na 57, un ladrón que roubara unha empanada quería comer só o interior e deixar o pan, pero “mais non podera ca Deus non quería”. Acabouse atragoando cun óso de polo. En fin, é a súa erudición enciclopédica de forma didáctica e divertida en estado puro. Pero o que me chamou a atención é algo que conta da súa nenez, digamos que 1910 ou 15, pois naceu no seis. Di textualmente: “O que entón semellaría intolerable nunha boa mesa sería presentar troceada en anacos a empanada. ‘Cousa de taberneiros do pior, que non queren que se saiba o que vai dentro e o que se sirve cada quen’. Cortábase a tapa ó redor, a rente do corrosco e servíase en fonte aparte”.

E continúa don Fernando: “Vexo que don Eladio Rodríguez González (o lingüista, autor dun documentadísimo dicionario e fundador da Real Academia Galega, natural de Leiro) confirma as miñas lembranzas: ‘Para los que no saben de que está compuesta, tiene el aliciente del secreto que guarda en su interior; y por eso la faena de levantar la tapa, recortándola toda alrededor, para poner al descubierto sus entrañas, reviste algo de ceremonia litúrgica que los comensales presencian con delectación”.

Claro! Agora entendo aquela empanada á que me convidarán en Santiago á que lle metera dente con fame de estudante a fin de mes, e para disgusto máximo dos meus incisivos era de polo con óso! Por iso os condenados do Pórtico comen a empanada con tapa! Seguro que levaba eses sapos e cobras que dicía Filgueira!

Eu, a verdade, é a primeira noticia que teño desa forma de comela, pero explica moitas cousas.

Te puede interesar