Opinión

Tempo de eleccións e lotería

Creo que as eleccións se organizaron un día moi adecuado: a véspera do inicio do medre dos días e dous días antes da lotería. Así, o tempo de luz irá aumentando pouco e pouco, e axudará a que haxa algo máis de claridade sobre os resultados electorais, -que ben cómpre- e a ilusión da lotería tamén pode ser contaxiosa. Máis luz, máis ilusión, máis optimismo, festas do Nadal... boas formas de empezar un futuro novo.

Dito isto voulles transmitir unhas cantas ideas que me provocaron a campaña e os seus resultados.

A primeira é a excesiva duración das campañas, aínda sobrias e comedidas como estas, non poden durar os mesmos quince días que antano. Os tempos están ciberacelerados e televisivos. Xa non hai mitíns como aqueles da transición no Pavillón.

A segunda idea, é que me resulta curioso é que a segunda forza da cidade, DO, non se presentase ás eleccións nin tivese postura pública sobre a mesma. Entendo a vocación localista, pero tamén creo que lles era o momento de facer unha modesta campaña de cara a preparar o terreo para presentarse logo ás autonómicas. Creo que as eleccións son como cadeas dos partidos, e se se falta a unha convocatoria, o electorado afaise a marchar para outro lado. Ora ben, os seus estrategas pensarán outra cousa e, se cadra teñen razón. Xa se verá nas seguintes eleccións.

A terceira idea é a práctica desaparción do BNG. ¿Como se pode pasar de ser partido de goberno na Xunta e no Concello, a ser, en poucos anos, á quinta forza con case ridículo 2,52 por cento de apoios, cunha candidata encantadora, en Ourense? Pois moi fácil. Facendo as cousas mal, moi mal. Que os tempos cambian, é sabido. Adaptarse non é imprescindible: pódese desaparecer. Contrastando con este afundimento, está a ilusión prendida polas Mareas. Si. Aquelas vellas divisións maniqueas entre nacionalistas e españolistas e aquel exclusivismo de nós somos os únicos auténticos galegos, iso xa non lle interesa a ninguén. A unión de vontades distintas, plurais, sempre desde abaixo, fíxolles sentir aos das mareas que os unía unha ilusión de cambio, o fundamental. Así pois, creo que o BNG debe reflexionar, rectificar e tratar de incorporárense a ese movemento de cambio. O outro sería suicida. E que non se enganen. Galicia seguirá representada no Parlamento Español, como sempre o estivo, con 23 escanos. Só que agora, eles non teñen ningún.

Dito isto, é obvio que se abre un novo ciclo. Que baixe o partido do goberno entra no razoable desgaste, pero que baixe o da oposición é sorprendente. E creo que Podemos (só 1,3 % menos de apoio popular que o PSOE) leva cumprido un papel interesante. Primeiro vehicular cara á democracia os movementos sociais do 15-M que doutro xeito poderían desencarreirarse por mal camiño. Segundo frear de forma importantísima o independentismo catalán e o nacionalismo vasco. E terceiro espabilar un pouco un sistema ao que lle cumpría actualizarse. Agora toca calma. Moita calma para xestionar uns resultados complicados. Calma repartida entre todos. E mentres se pode tocar a lotería o 22, pois mellor. Depois virá a Noite Boa, Nadal, Fin de Ano, Reis... Ou sexa, ata a volta de vacacións estará todo parado. Aparentemente. Boas festas.

Te puede interesar