Opinión

VLC 175, 150, 100, 75... (II)

Faláballes o outro día de que lles ía presentar hoxe un documento importante, creo, para valorar correctamente os “sucesos culturais” de 1949 ao redor da figura de Valentín Lamas Carvajal. Resulta que o que máis se lembra daquela historia é o discurso que deu Otero Pedrayo en galego, o primeiro despois da guerra, e a saída de ton do gobernador civil que mandou tocar o “Cara al Sol” ao final do acto. Á interpretación como insulto esmagante contra a cultura galega, creo que convén darlle a volta para sinalar que aquela estéril mostra de rabia e impotencia, o ridículo do Sr. Vicente Muñoz Calero, evidenciaba que vían que xa perdían terreo. 

Pero empecemos polo principio. En 1943, Trapero Pardo publicou “Non chores, Sabeliña”, unha zarzuela en galego de intención popular, e en 1947 saiu o libro “Cómaros Verdes”, de Aquilino Iglesia Alvariño, o primeiro importante poemario despois da guerra. E no 1949 funcionaba xa a editorial Bibliófilos Gallegos e o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos. Ou sexa, empezaban a facerse cousas, pois a lingua en si nunca fora prohibida, entre outras cousas, porque nunca fora oficial. Así pois, tolerancia pero sen promoción. E, por suposto, mirada de esguello sobre ela e paus nas rodas desde o oficialismo máis cateto. O secretario da comisión organizadora do Centenario de Lamas, don Alfonso Vázquez Martínez, catedrático no Instituto do Xardín, publicou en 1951 un opúsculo no que dá testemuño pormenorizado de reunións, actividades. A comisión contactou cos emigrantes e grupos sociais ourensáns e organizou un concurso literario -11 mil pesetas en premios, daquela-, encargou a placa homenaxe do vello edificio de La Región na rúa, hoxe, de Alejandro Outeriño, e promoveu a inauguración do monumento a Lamas do Posío (proxectado polo arquitecto Rodríguez Sanz, o aparellador Rodríguez Veiras, con esculturas en pedra dunha “moza galega” e do “Tío Marcos”, de Antonio Faílde e co busto de Pascual en bronce fundido por Malingre) e sito, daquela, na esquina inferior oposta a onde está hoxe e outras cousas. Tamén moveron a prensa para a publicación de artigos sobre o tema, pois un dos premios era a artigos de xornal. Os actos comezounos Otero Pedrayo o 7 de novembro no Paraninfo do Instituto presentado a Filgueira Valverde, que falaría de “La lírica gallega del siglo XIX”. A ovación a Otero foi de varios minutos no momento de pórse de pé para falar, polo que Filgueira cheo de emoción sinala entre as virtudes de Ourense “la fidelidad al magisterio de sus hombres sobresalientes que ha tenido la fortuna de ver siempre ininterrumpido porque Orense tiene siempre hombres para todos los momentos y la exquisita cordialidad de que siempre da muestras evidentes”. O día 8, no Liceo, Risco presentou a Celso Emilio Ferreiro, quen faría un percorrido biográfico sobre Curros. O día 9, José Luís López Cid falaría sobre o poeta Bravo de Velasco. O 10, Dioniso Gamallo Fierro falaría sobre a gaita e os gaiterios na obra de Lamas, e o día 12, convidado xa por Posío Artes y Letras, sobre Murguía.

Pero o central foron os actos do día venres 11, en que toda a prensa de Galicia lle dedica grandes artigos e, incluso, páxinas extra. A xornada iníciase cun pasarrúas mañanceiro das gaitas do Zamora 8 e dos gaiteiros de Entrimo polas rúas da cidade. O acto central do Teatro Avenida comeza ás doce cun comprometido discurso de Vázquez Martínez, evocando os duros tempos presentes. Logo segue a entrega de premios e, como remate, o discurso de Otero. Cando cita a Castelao, por primeira vez, en público, os presentes aplauden a rabiar. Pero rabiar deberon rabiar e renxer nas súas cadeiras as autoridades. Un preludio da tarde que quedará para o próximo día, na que lles darei, si, o documento de que lles falo. 

Te puede interesar