Opinión

Yolanda e Puigdemont

Averdade é que de partida, nada que obxectar a que a sra. Díaz fale co home da pitonisa romanesa, o que vive en Waterloo. De partida. A política é así. Como dicía Isaac Rabin no tempo que asinaba os acordos de Oslo con Arafat en 1993, ante as críticas deses exaltados que, finalmente, acabarían con el: “A conversa, a negociación e paz faise co inimigo, pois o amigo está ao teu lado”. Cito de memoria, se cadra pouco aproximada, pero vostedes xa entenden o que quería dicir o bo do Rabin. E excédome, claro, ao considerar “inimigo” da sra. Díaz a Puigdemont, porque se cadra teñen moitos intereses en común e algunha sensibilidade compartida. A principal, en conxunto, a desafección ao estado social e de dereito organizado en forma de estado autonómico e monarquía constitucional. A teima en derrubar o “réxime do 78” pode ter cara desmelenada con acento catalán, histérica e vociferante con acento de Madrid, ou de longa melena en movemento sobre a estética Prada da “gauche divine” e sen acento galego. E pode ter todos os acentos de España porque a memoria é fráxil e somos volubles e inconsistentes. Dicía meu avó, tesoureiro das xuventudes socialistas e seguidor de Besteiro, que mentres houbese unha xeración que lembrase a guerra non había perigo de que se repetise. E non falo de perigo de guerra hoxe aquí, meigas fóra, pero non debemos ser alleos a valorar o que temos -tanto- e igualmente a observar o ben que lle viría a determinadas potencias un conflito que desestabilizase o país da Unión Europea con máis fraxilidade potencial. En fin, estas son cuestións de xeoestratexia que a ninguén lle preocupan, porque un ósculo roubado por un corrupto ante cámaras, convenientemente tratado, serve de anestésico global. Miramos o dedo e non a lúa. Ese é ton das nosas preocupacións.

E dicía que non me parecía mal que se visen, pero engadía “de partida”. É obriga máxima de todos os gobernos teren unha comunicación fluída coa oposición política sistémica, a chamada á alternar no poder, para encararen xuntos as cuestións globais da sociedade, máis alá de cadanseu período de goberno. Pero tamén é obriga dos gobernos teren fíos de comunicación cos inimigos do sistema para a súa neutralización. Así se entende como Rosón falou con ETA en Suíza nos comezos da democracia. (Por certo que algo tivo que ver un galego que vivía alá e custodiaba unha boa parte do arquivo do nacionalismo daqueles tempos, e que, á súa morte, pasou á Cidade da Cultura, previo expurgo por parte de dous dirixentes, home e muller, do partido que nunca se presentou ás eleccións). E digo que si, que se con ETA falaron todos, (lembren a Aznar, ridículo, falando do “Movemento Vasco de Liberación”), canto máis con Puigdemont, ex-autoridade lexitimamente elixida no seu momento en Cataluña. Falar, por supostísimo, liñas de contacto abertas, todas. Acordos, os razoables, vindo ao rego, pero sen escorregar.

Ora ben, creo que é unha obscenidade que se faga en público e no medio de risas e complicidades. Hai cousas que se fan no baño pero en público sería unha grosería. E é unha grosería que unha vicepresidenta dun Goberno democrático se xunte diante das cámaras cun fuxido da Xustiza do seu país porque mina e pon en cuestión a lexitimidade dos poderes do Estado dos que ela é unha das máximas figuras, ao situar, dalgún xeito, aos dous interlocutores á par. A declarada intención de “retomar a senda política” non se pode facer sen discreción e ignorando os papeis que lle corresponden a cada un. A non ser, claro, se que compartan os obxectivos principais. E Putin sorrindo. E o Xinpín, tamén. 

Te puede interesar