Opinión

Cacarexos que aburren

“Podes baterme. Podes tirarme ao chan, mesmo podes cuspirme e mexarme. Mais por favor, non me aburras”. (Sarxento Highway -Clint Eastwood- na película “O sarxento de ferro")

Xa o dicía o meu tío Lisardo: A cabra co vicio bate cos cornos no cu. Algo así aconteceu a semana pasada, na sesión plenaria do concello de Ourense. Son coma a medalla do amor: máis ca onte, menos ca mañá. Colleron o vezo de facer chambonadas nos plenos, e era visto que os malos hábitos tiñan que acabar por converterse en vicio.

Velaí o vicio dos ínclitos concelleiros capitalinos. Esa teimuda manía de aburrirnos coa habitual e neboeira estreiteza que cada vez fai máis insoportables as mañás do primeiro venres de mes na cidade das Burgas. Se non fora polo significado coresmal que teñen para nós os venres, por mor da educación relixiosa que levamos no sabugo dos dedos, habería que pensar que esa éxtase, ese estado de fóra de si, que decotío nos posúe aos ourensáns, só pode ser froito da nosa alucinante capacidade para aguantar os aburridos soliloquios dos nosos egrexios representantes.

Por moito que uns e outros -sen distinción de credo político- se empeñen en negar a evidencia, a un nada de concluír o actual mandato, os ilustres representantes no concello da capital ourensá están a piques de pasar á historia, pola meritoria proeza de ateigar cada folla dos libros de actas cos mesmos insultos e os mesmos improperios, sen molestarse sequera en atopar novos vocábulos e, por suposto sen que nos mesmos conste unha soa proposta nin unha triste idea que teña que ver cun proxecto de cidade.

En fin, marchan sen ter un detalle coa sufrida veciñanza. Vanse renegando da máis elemental creatividade, sen escapatoria para non aburrirnos. Tocan a chanca, afeitos a aborrecernos ata a extenuación, convencidos de que a súa boca cheira a xasmín, mercé á monótona ladaíña dos prosaicos insultos duns e outros, convencidos de ter arranxado o mundo mundial, a pesar da carencia absoluta de ideas que realmente paguen a pena.

O chocante do conto é que, a maioría de varios, talmente galvanizados, están dispostos a repetir para poder culminar a súa obra, talvez inacabada por culpa da intemperie. E, por suposto, para tratar de gañar o campionato internacional de bocaláns. Iso si, sen que conste nos respectivos programas, coa venia dos mandamais dos partidos que representan.

Ah! A cousa pinta mal e, ao mellor, temos que aguantalos outros catro anos. Como lle dixo Rick (Humphrey Bogart) a Sam (Dooley Wilson) en Casablanca: "Se ela puido soportalo, eu podo. Tócaa, Sam!" Nestes tempos de tanto simplismo, mellor será atopar un Sam que toque algo agradable. Algo que nos deleite na lembranza. Caquera cousa, con tal de non aguantar o cacarexo aburrido destes paxaros, tan empostos a tocarnos o nabo ben tocado.

Te puede interesar