Opinión

A cuadratura do circo

“Un reformador é um homen que vê os males superficiais do mundo e se propõe curá-los agravando os fundamentais”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).



O dicionario define o cuadrilátero romboide coma un paralelogramo cos ángulos non rectos, os lados contiguos desiguais e os opostos iguais. Esta aparente desigualdade entre dous lados, e a igualdade certa entre os outros dous, levou ao meu tío Lisardo -doutor en xeometría política- á irrefutable conclusión de que Rajoy (ou o seu álter ego), Rivera, Sánchez e Iglesias (o outro necesario) conforman a auténtica cuadratura do circo político. Trátase dun cuadrilátero inconsistente, de lombo frouxo, rodeado dunha coroza circense, debuxada para distraer a atención dos sufridos espectadores (ás veces, cidadáns), a fin de facelos mirar cara os lados sen pestanexar, no canto de deixalos dirixir a vista cara as esquinas, que é onde se acumula o lixo, onde se esconden as ratas, onde converxen de dous en dous os catro elementos, unidos por una férrea soldadura autóxena, imposible de crebar coa forza humana, grazas á premeditada fusión ideolóxica, ideada polos mentores dos tales das polainas, para que nada mude e todo permaneza.

Malia estar afeitos a actuar de dous en dous, entre estes catro bordos existe unha enfermiza empatía, unha conivencia inconfundible, sombriza, case nocturna, que escurece a escasa luz dos minguantes días de outono. En fin, os tales sempre atopan sospeitosas coincidencias, á hora de agochar aquelas cuestións que, a pesar de ser relevantes ou bastante sucias, acaban relegadas á categoría de insignificantes.

Están tan compenetrados que nin sequera precisan pactar os chíos cos que pretenden aparvar á xente que ten que padecelos. Practican entre eles una perversa telepatía que lles permite coincidir sempre na súa actitude uniformadora do pensamento, e deciden –coa anuencia dos medios dominantes- pór en solfa as minucias, ata acabar preocupando á cidadanía con aquilo que nin lle vai nin lle vén, e así excluír do debate os auténticos problemas que tanto nos amolan e, polo tanto, deberían merecer o cualificativo de importantes. Mesmo porfían a miúdo contra a crúa realidade, ata desvirtuala para facernos ver os males que padecemos, coa óptica que a eles lle interesa. (O meu tío viu o debate do outro día e seica lle caeu a alma aos pés, escoitando a estes catro do cuadrilátero).

Ah! O malo deste asunto é que os principais responsables, de que Galicia non chegue con voz propia acolá onde hai que chegar, nos seguen embobando coas súas estrafalarias receitas, confundindo a materia prima autóctona con produtos alleos, e iñorando cal é a tixola acaída e cal é o adubo necesario, pois perderon a pericia necesaria para cociñar o prato que precisamos para seguir subsistindo, para evitar quedarmos nos tristes ósos, ou talmente tísicos, ata que a xeada negra nos acabe varrendo do mapa.

Te puede interesar