Opinión

Un alieníxena en Baños de Molgas

Cando me dixeron que había un alieníxena en Baños de Molgas peguei tal bote que pensei que daba no teito da oficina. Por fin unha nave extraterrestre non aterraba nos Estados Unidos de América! Subín ó Pancracio e en cinco minutos estaba na vila na que me pariron. Tiñan ó alieníxena nas Mestras, atado a un carballo. Deume pena. Ós veciños díxenlles que como quero ser astronauta, teño outra sensibilidade para tratar cos de máis alá das estrelas. Achegueime a el e faloume nunha linguaxe que non coñecía pero souben que me dicía que viña en son de paz. Ti es un amigo, carallo! Así lle soltei. Abraceime a el con moito coidadiño, porque, sinceramente, era pouquiña cousa. Tamén eu lle falei nunha linguaxe que nin eu mesmo coñecía: amigo meu, tiveron que darche mal as coordenadas porque a túa nave non aterrou nos Estados Unidos de América; alí a tes, na Pitediña de Baños de Molgas. Se ves que tes frío pola noite, aí cerquiña méteste no piote da burga, que ten a auga quente. Díxenlle ós veciños que o soltaran e foi el agora o que me deu o abrazo. Pouquiña cousa pero cun gran corazón... se o ten. É un alieníxena.

Te puede interesar