Guerra das bandeiras. Guerra pola secesión. Guerra de Siria. Guerra de declaracións. Guerra polos refuxiados. Pero ningunha tan esperpéntica ou tan salvaxe ou tan incomprensible ou tan rabiosa como a de Israel. Pois resulta que a policía israelí poderá usar balas reais contra os tiradores de pedras, que, para máis aquel e a maioría das veces, adoitan ser nenos. Balas contra cantazos. Algo así como usar un fouciño ante un insulto ou como espichar unha forquita por unha ollada revirada. É dicir, que Israel ten todo o beneplácito do gardián das democracias, ou sexa, o imperio ianqui.
En Israel ganan as balas, pero, ai!, en Vigo ganaron os cantazos. Pedras contra balas. Celtiña contra o Barça. O humilde contra o poderoso. Ó final a Biblia vai ter razón: David venceu a Goliat. E de que maneira! E, xa sei que Goliat seica non era Goliat; pero aínda non sendo Goliat non é moco de pavo “encasquetarlle” catro cantazos. En plena fronte! Quen lle dera eses cantazos ós nenos palestinos.
En Israel ganan as balas, en Vigo as pedras e na vendima mestúranse as pedras coas balas. As pedras poden ser a camaradería existente neses días. As balas veñen sendo o cortar as uvas (agachados), o carrexar os cestos (cos riles a rebentar), o cargar os cestos (cos riles e brazos esgotados) e o prezo que che van pagar (a dor da impotencia). Tamén se adoita dicir: traballar para o inglés. Semana de balas contra cantazos.