Opinión

Canto á amizade

A modo de fábula, entre a fantasía melancólica e o sentimentalismo antergo, “O señor Ibrahim e as flores do Corán” (2003) entronca na tradición de películas centradas na relación de amizade entre un ancián e un adolescente, neste caso entre un tendeiro de orixe turca e un mozo xudeu, ambos veciños dun barrio marxinal parisiense repleto de prostitutas de corazón xeneroso. A película non busca tanto a confrontación entre os preceptos e trazos xudaicos e musulmáns (aínda que esta se utilice como claro punto de partida narrativo para presentar ós protagonistas) como a relación de empatía e complicidade, incluso de descubrimento recíproco, que se establece entre os dous personaxes abocados, un pola súa vellez e o outro pola súa descomposición familiar, á soidade.

Película feita co corazón. Resulta sorprendente pola súa sinxeleza e austeridade. O director e guionista François Dupeyron afástase totalmente de alardes, ostentacións e pretensións, contándonos unha sinxela historia de aprendizaxe, convivencia e autocoñecemento. A película, máis alá da diferenza entre etnias e culturas é un canto ó amor, a amizade, a tolerancia e o respecto cara á calquera forma de vida, desde a prostitución ata rexentar unha simple tenda nun barrio pobre de París.

Os diálogos poden resultar un tanto esquemáticos, emporiso en ocasións agasállannos con frases que penetran, que nos fan identificarnos cos seus protagonistas. Pola contra, Dupeyron deixa que sexan as imaxes, os xestos, un sorriso, unha ollada os que falen por si mesmos. O filme é unha historia de momentos, de detalles que a simple vista poden resultar imperceptibles pero, en conxunto, van calando no ánimo do espectador. O personaxe de Omar Sharif transpira cordialidade e un amor por todo o que o arrodea que constitúe un exemplo de saber educar e ensinar. O seu papel, a súa actuación valeulle para ser recompensado co César ó mellor actor. A banda sonora é do máis variada e pouco a pouco envolve esa historia que nos amosa o amor ó próximo.

Te puede interesar