Opinión

Cara de anxo

Coa súa cara de anxo, os seus inmensos e expresivos ollos, e a súa figura estilizada, Audrey Hepburn posuía un don especial para encarnar personaxes de comedia. Quen non sucumbiu ó seu magnetismo tras vela almorzar en Tiffany e ofrecer as máis excéntricas festas neoiorquinas, pintarse os beizos para ler unha carta de despedida, bailar aloucadamente nun antro existencialista deixando atónito ó mesmo Fred Astaire, flirtear descaradamente con Cary Grant na neve ou berrarlle a un cabalo de carreiras de Ascott no máis cru acento “cockney”?

O mito de Audrey Hepburn é, por outra parte, o máis orixinal na evolución da muller no cine. Soubo infundirlle ós seus papeis de moderna cincenta un toque de perversa candidez que constitúe unha innovadora lección de “sex-appeal”.

Esta Hepburn (non confundir coa Katharine) paseou a súa grácil figura naquelas brillantes comedias de Billy Wilder (“Sabrina”, 1954; “Ariane”, 1957), Stanley Donen (“Unha cara con anxo”, 1956; “Charada”, 1963; “Dous na estrada”, 1966), Blake Edwards (“Almorzo con diamantes”, 1961), Richard Quine (“Encontro en París”, 1963) e George Cukor (“My Fair Lady”, 1964), onde chega á cima artística.

Audrey Kathleen Ruston naceu o 4 de maio de 1929, en Bruselas, no seo dunha acomodada familia holandesa de orixe xudeu a quen os nazis lles confiscaron os seus bens en 1940. Audrey Hepburn creceu entre privacións, das que herdou a extremada delgadeza, que se converteu, curiosamente, no seu signo distintivo. Tivo nos seus comezos ingleses unha carreira chea de dificultades. Educárana en Londres, onde estudou danza, pero a guerra truncou, mutilou as súas aspiracións como bailarina clásica.

A sorte sorriulle durante a rodaxe en Niza de “Americanos en Montecarlo” (1951), de Jean Boyer, ó reparar nela a escritora Colette, quen lle pediu ser a intérprete da súa comedia “Gigí” para estreala en Broadway, onde a súa creación do personaxe engaiolou ó público e á crítica. O seu debut americano deixarémolo xa para a semana que vén.

Te puede interesar