Opinión

Cenas

Catro menos dez da tarde. Nunha terraza na que non dá o sol. Vai un frío que pela. Porque xa se pode dicir que xea. Coa friaxe, os pensamentos non flúen tan ben. Pero aínda así, saen. Penso en Juan Luis Guerra cruzando o Niágara en bicicleta. Eu crucei centos de veces o Arnoia goldrando. Penso na cuadratura do círculo e no verme luceiro da aurora. Tamén penso no ronsel dun avión e no meu amigo extraterrestre. Outras veces chámolle alieníxena, pero é o mesmo; sei que me entendedes.

Penso no café que me acaban de poñer e no descanso que vou facer para bebelo. Xa está. Tres sorbos xustos. Penso cando cazaba os saltóns no lameiros dos Lamas e naquelas tardes de silencio de cando a conciencia ía e viña por entre os regos das patacas da Pedradarca. Penso na malla que se realizaba nas airas e no estrondo e cheiro e dor e morte dunha bomba nuclear. Penso caladiño e con ruído.

Penso nos latexos dun corazón que estoura e no ritmo dunha canción que non sexa por exemplo, de Juan Luis Guerra. Penso nese espello no que se reflicte o desexo e neses versos que nunca chegan ó final do poema. Pensando, que é xerundio. E ás catro e cinco da tarde sigo pensando, aínda que, iso si, un pouco xa coas ideas atrofiadas. Penso nese coche que pasa e desde o que me lanzan un sorriso. Será porque estou ó frío. Penso que pensar é bonito cando se pensa fino. Pero recoñezo que estes pensamentos saíron algo espesos, bastante atropelados e, polo tanto, baldíos.

Te puede interesar