Opinión

Cunha estraña maxia

A cita bíblica “é máis fácil para un camelo pasar polo ollo dunha agulla que para un rico entrar no reino dos ceos” sérvelle á habitual actriz Valeria Bruni Tedeschi, que debuta como directora en “É máis fácil para un camelo…” (2003), para discorrer case de forma cómica sobre conceptos como a caridade, o remordemento, o comunismo, a alegría de vivir e a dor da morte.

Así, cunha gratificante sinceridade, personaxe e artista chegan a confundirse nunha obra dunha enguedellada sinxeleza.

Bruni Tedeschi, italiana que desenvolveu a súa carreira entre Francia e o seu país, é unha das aparentemente feas máis guapas do cine europeo grazas a un deses dondos, azucrados rostros que provocan que, faga o papel que faga, sempre inspire tenrura e empatía no espectador. Ademais, o sentido común parece guiar “É máis fácil para un camelo…”, unha película escrita, dirixida e protagonizada por unha muller católica que non semella conformarse coa confortable calor que lle ofreceu a existencia. “É pecado ser rica, inmensamente rica?”, pregúntase a filla dun poderoso empresario que vive das rendas. “Unha cousa che falta; anda, vende todo o que tes e dállo ós pobres. Así terás riquezas no ceo”, daríanlle como resposta os Evanxeos.

Un consello dificilmente executable nos tempos que corren. Non obstante, é entón cando o desasosego comeza a acaparar máis e máis espazo na conciencia relixiosa desta muller que, para máis aquel, está namorada dun comunista que leva tempo inculcándolle algo máis que cariño e compañía.

A fantasía é outro dos elementos que poboan o filme. A medio camiño entre o simbólico e o surreal, a película está dotada dunha estraña maxia que permite que non se derrube a pesar dos enormes riscos que toma na narración. Bruni incluso é capaz de provocar a risa cunha magnífica escena final que amosa o lado cómico que pode ter ás veces a morte ou, máis ben, a chafallada toda que a arrodea. E é que á hora do tránsito, ata o corpo do home máis rico debe sufrir as inclemencias da burocracia.

Para ser o debut como realizadora da actriz, non lle tremeu o pulso e rodou unha bonita película moi agradable de ver.

Te puede interesar