Opinión

Exótica e brillante

As veces é certo que os premios son unha pantomima, pero coido que amaioría dos que se acadan teñen o seu aquel, teñen algo. E hai polo menos catro ou cinco que deberían ser de obrigatoria visión en todas as provincias españolas: o Oso de Ouro de Berlín, o León de Venecia, a Concha de San Sebastián, a Espiga de Valladolid e o Oscar de Hollywood (este, por certo, quizais sexa o de menos calidade artística e, non obstante, é o de máis éxito). Pois ben, moitas películas con eses premios non se estrean nunca, comercialmente falando, en Ourense, o que me causa unha gran pena. Por iso todos os anos espero como auga de maio ó OUFF porque sei que ten unha sección titulada Inédito en Ourense, e que é aquí onde adoitan proxectar aqueles filmes que acadaron algúns deses premios citados.Como “Carbón negro. Xeo fino”, do chino Diao Yinan, que conseguiu o Oso de Ouro e o premio de mellor actor (Fan Liao) en Berlín. Certo, en Berlín non vin as demais películas participantes, pero esta china é merecente de calquera premio ó que se presente; porque é un fascinante exercicio de estilo, un sombrío pero poderoso thriller detectivesco maxistralmente dirixido e cun fulminante final que, ó rematar, deixa ós espectadores en silencio.

O director sabe manternos nun mundo absolutamente incómodo. O frío, a soidade, o silencio... incluso unha velada romántica no alto dunha nora amósase lóbrega, escura e inquietante. Moi ó estilo oriental, este thriller non nos pon as cousas fáciles: prefire suxerir a desvelar, o poder do silencio antes que a escravitude das palabras. Cada xesto e cada cousa non dita son capaces de desencadear un auténtico mundo nesta película. “Carbón negro. Xeo fino” é exótica e brillante. Con isto alá se nos foi a 19 edición do OUFF, que penso que non defraudou. Polo menos a min non me defraudou. E, politicamente, case se pode dicir que pasou con pés de la. A partir de mañá, a traballar xa no seu 20 aniversario, que non será moco de pavo. 

Te puede interesar