Opinión

Familia disfuncional

No ab A longametraxe mexicana “A vida despois” (2013) é un melodrama sobre as relacións entre unha nai e os seus dous fillos e, á súa vez, a que manteñen eles. Familia disfuncional que semella navegar sen un rumbo prefixado entre uns seres insatisfeitos co camiño que transitaron pero que están buscando, e non saben cómo facelo, ese fogar que sempre soñaron. O director David Pablos explicaba que el parte dun concepto que podería ser algo polémico e ata digno dun longo debate. Pregúntase se debemos amar obrigatoriamente ós nosos irmáns e ós nosos pais simplemente porque o son, xa que pensa que a familia se constrúe máis alá do lugar no que naciches porque ti non puideches escoller.

“A vida despois” é un filme que ofrece unha clara distinción entre a parte infantil e a post-adolescente de Rodrigo e Samuel (os fillos) e quizais é unha boa pregunta para que cada un o cuestione despois de ver o que lles está sucedendo ós rapaces da película. É unha desas longametraxes nas que os xestos, as olladas e os silencios contan moito máis que o que se di, pois do que normalmente falan pouco pode deducirse se non é asociándoo ó conflito principal que a película está contando. 

David Pablos entrégase ó relato con ritmo sosegado, plácido, calmo, retratando a uns rapaces que falan usando unha linguaxe breve e axustada, sen demasiados matices, pero cuxos ingredientes, sobre todo a incógnita do paradoiro da súa nai, os mantén en vilo nesta historia que cuestiona temas como a maternidade, a infancia, a familia, a saúde, a fraternidade e o perdón. A mensaxe espiritual reflíctese moi de pasada no filme e é o único que proporciona certa fachada de coherencia fronte á atmosfera depresiva na que se moven os personaxes principais. A cinta conta cun trío de bos actores: Américo Hollander, Rodrigo Azuela e María Renée Prudencio. Bonita cinta, por certo.

Te puede interesar