Opinión

Historia viva e vivida

Oirlandés Jim Sheridan (artista amigo do risco e sólido realizador de No nome do pai, O boxeador e O meu pé esquerdo, así como produtor de Domingo sanguento) emigrou na súa xuventude a Nova York, arrastrando a súa familia e na procura de darlle saída á súa vocación teatral nos escenarios de Broadway. Agora, na súa elegante e fermosa elexía En América, evoca, quizais para afastarse deles, aqueles anos (ós que lle achega lembranzas da súa nenez, como o terrible silencio que inundou a súa casa paterna tras a morte do seu irmán Frank) e estrulla, espreme a súa memoria e a da súa filla Naomi para combinar a aventura íntima con recordos de vida e morte no seu Manhattan. O resultado é un magnífico filme lírico atravesado por vivísimos saltos do humor ó patetismo, do gozo á dor. É un relato intimista moi áxil e conmovedor, nobre e libre, no que o cuarteto protagonista creado pola extraordinaria Samantha Morton, Paddy Considine (que lle dá á actriz unha réplica á súa altura) e as asombrosas nenas Sarah (de once anos) e Emma Bolger (de sete), secuéstranos cunha intelixente e refinada aplicación á vida das leis do melodrama, alcanzando momentos de gran elevación dramática e intensidade sentimental, como a escena en que Samantha Morton, sempre contida, fai rebentar a dor que o seu sorriso acocha, e a escena en que Considine perde todo o seu diñeiro nunha caseta de feira, que define de maneira exacta a figura de perdedor inxénito que hai dentro de todo artista, e o idilio da marabillosa Sarah Bolger co enigmático anxo negro que borda Djimon Hounsou na festa de Halloween, e a despedida posterior deste á outra nena, Emma Bolger. E outros prodixios. A rara, escasa trama argumental é densificada por Jim Sheridan coa boa argucia do tomavistas da nena maior como fonte de rememoracións, de flash backs realistas, e por un agudo instinto para a pincelada fugaz, toques de ambiente que pouco a pouco crean unha paisaxe urbana de Manhattan distinta a todas as vistas, inédita. Marabilloso escenario para unha fonda historia viva e vivida.

Te puede interesar