Opinión

Máis aló do cine comercial

Para calquera cinéfilo que se prece, penso que unha das maiores alegrías é ver e saber cómo triúnfa calquera persoa relacionada coa sétima arte. Hoxe en día está de moda o éxito do director Emilio Martínez Lázaro pola súa película “Oito apelidos vascos” (2014). E, quéirase que non, tamén causa un pouco de asombro que un señor, con xa certa idade (69 anos), sexa quizais unha das iconas da xuventude. Pois a maiores do filme citado, hai que lembrar que tamén acadou outros éxitos comerciais con “Amo a túa cama rica” (1991) ou “O outro lado da cama” (2002), que eran películas, por que non dicilo, para a xuventude e que lles gustou á xuventude. Isto demostra que a comedia gusta, que o cine español se está ben feito, gusta. E lembremos unha das máximas do mundo cinematográficos: que facer rir é moi pero que moi difícil. Un señor de certa idade, consígueo. O que significa un mérito máis que enorme.

Mais tamén creo que é un pouco triste que teñamos nos altares a Emilio Martínez Lázaro por estes dous ou tres éxitos que, penso, son máis comerciais que artísticos. Emilio Martínez Lázaro vai máis alá do éxito económico. Ten que ir, porque se non, a que vén que un director cinematográfico acadara, nada máis nin nada menos, que o Oso de Ouro do Festival de Berlín en 1978 coa súa primeira película, “As palabras de Max”. Un señor que foi capaz de dirixir unha longametraxe titulada “Lulú de noite” (1985), a que, ó mellor, si é a súa mellor película, e “As trece rosas” (2007), que conta a historia de trece mozas fusiladas ante a tapia do cemiterio da Almudena de Madrid o 5 de agosto de 1939 por ser militantes das Xuventudes Socialistas e acusadas dun crime que non cometeron. Isto non ten nada de comedia.

Mañá, este gran director recibe o Premio Cidade de Ourense. Máis que merecido.

Te puede interesar