Opinión

Mellor escrita que dirixida

Ter a un contista na redacción dun periódico é un perigo. E se ese fabulador nato, ademais de talento para a inventiva, ten don de xentes, capacidade de sedución e unha boa percha, entón é a perdición da certeza. Porque mentiráns hai en todos os lados, pero embusteiros ós que non se lles vexa o rabo hai bastantes menos. Stephen Glass, periodista da revista The New Republic e protagonista da película “O prezo da verdade” (2003), é un artista do conto chino.

O galáctico Hayden Christensen interpreta a este mozo redactor dunha revista pouco vendida, aínda que con gran influencia en certos ámbitos da política de Estados Unidos. É un deses cronistas ós que sempre lle coinciden as fontes, deses que atopan a historia máis incrible no lugar menos frecuentado. É a nova estrela da prensa. Pero os seus compañeiros e os seus xefes non saben que todo é mentira. Ou case todo. Billy Ray, director, novo, debutante con experiencia no guión (“A guerra de Hart”, “Volcano”), confeccionou “O prezo da verdade” como unha intriga política. Ó fin e ó cabo sempre se falou dos medios de comunicación como do cuarto poder. Billy Ray mergullouse na obra dos mellores autores de cine político (relacionado con ese cuarto poder) da historia, aqueles que realizaron as súas mellores obras na década dos setenta, época de grandes escándalos e de gran cine cargado de crítica cara ó sistema. Falamos de xente como Sidney Lumet (“Network, un mundo implacable”) ou Alan J. Pakula (“A derradeira testemuña”, “Todos os homes do presidente”). Ray non se achega á mestría destes, pero fai ben o telos como referentes.

“O prezo da verdade”, baseada en feitos reais, está mellor escrita que dirixida. A historia avanza cunha graduación exacta da información, como un artigo ben escrito que empeza cunha boa cita e salpica cada parágrafo con algunha novidade interesante, ata acabar nun triplo salto mortal que deixa seco ó lector. Emporiso, á realización quizais lle falte garra, un punto de enxeño maior que faga esquecer a sensación de telefilme que desprenden algunhas secuencias. Pero, aínda así, merece a pena vela.

Te puede interesar