Opinión

Ordes que se lanzan ás cegas

Hai decisións, leis, normas, ordes que se lanzan ás toas, ás cegas e que incluso, ás veces, os que as lanzan nin as entenden. Son decisións que se toman en despachos por persoas que non saben realmente de que vai o asunto. Como o de que un paisano teña que perder unha mañá porque ten que pedir unha autorización para cortar dous ou tres carballos. Entendo que esa norma, lei o orde saíu á palestra por medo a que a nosa terra se converta nun novo Brasil por aquilo da tala descontrolada de árbores. Pensan que o paisano chega á súa poula, ó seu souto e, ale, imos deixala como a patena... e para o ano que vén, para quentarnos, cortamos toxos. Non saben que non hai mellor barómetro para unha poula que o propio paisano. Non saben que o paisano mira, remira, limpa, procura, coida e incluso rega ás veces aquela arboriña que, nun futuro, lle pode dar abrigo e leña e trabes e pontóns e eixes dos carros. Non saben que o paisano é o mellor gardián, o mellor vixilante da súa propiedade. Pois non, a alguén se lle ocorreu que como os gandeiros e agricultores, de un tempo para acá, non ten gran cousa que facer, pois que mellor que facer turismo a unha oficina da Xunta para solicitar a corta de dous ou tres carballos. E como na nosa terra os que traballan nas leiras son xente nova, pois non teñen ningún problema para o seu desprazamento ás oficinas dos distritos forestais. Non sería máis sinxelo que esas solicitudes fosen tan só para as empresas madeireiras, que son as que realmente cortan a dar e tomar? Como se lles ocorre facerlle perder unha mañá ó pobre paisano por un ou dos tractores de leña!

Te puede interesar