Opinión

Un resumo moi sinxelo

O resumo da miña vida é fácil, sinxelo: nacín, vivo e... morrerei. Xa está. Para que quere a xente saber máis? Todos durmimos, erguemos, estudamos ou traballamos ou facemos o parvo, para rematar durmindo outra vez e volta coa ladaíña. Un día detrás doutro. Uns viven mellor, outros peor e outros nin tan sequera saben que están a vivir. Ó final morremos todos e, xa de mortos, que máis dá. Ó morto que lle importa o que veña por detrás. E aínda que lle importe, nada pode facer.

Na miña vida sempre hai un antes e un despois de cada cousa, de cada tempo. E que? A quen lle importa? Se alguén ten interese, que pense na súa propia vida, na que tamén haberá un antes e un despois de cada acción. A maioría das veces complicámonos de máis. Cando todo se resume niso: nacer, vivir e morrer.

Algúns escriben libros a esgalla para deixar constancia dos seus actos ó longo da vida. Seguro que tan só serán recordados polo nome ou alcume, polo lugar no que naceron e na forma de morrer. Nada máis. Tanta loita, tanto esforzo para un simple: morreu (ás veces nin dicimos o nome) o fillo de tal, que casara no quinto inferno, etcétera.

Outros pregoan as súas tarefas con orgullo e sorriso dentífrico, cando na realidade será recordado porque cometeu aquela falcatruada no ano da pera. E todos metemos a pata ata no bulleiro máis espeso. Ante todo isto, quedade con este epitafio: nacín, vivín e... morrerei. Un resumo moi sinxelo.

Te puede interesar