Opinión

Rigorosa e tenra

Pilar Miró é unha das poucas mulleres realizadoras que figuran na historia do cine español. Os seus primeiros contactos coa industria estableceunos como guionista. Debuta como directora de cine con “A petición”, en 1976. Tres anos máis tarde filma a súa segunda longametraxe, “O crime de Cuenca”. Baseada nun suceso real, foi prohibida durante 17 meses e a súa directora procesada militarmente. Cando se puido estrear, o filme converteuse nun dos máis exitosos do cine español. José Manuel Cervino, Daniel Dicenta, Fernando Rey, Amparo Soler Leal e Héctor Alterio foron os seus protagonistas. Os feitos reais comezaron coa misteriosa desaparición dun pastor alcumado O Cepa no seu pobo de Osa da Veiga, en 1910. Algúns paisanos sospeitaron que O Cepa puido ser asasinado e culparon de iso a dous dos seus veciños. Tres anos máis tarde detivéronos, torturounos a Garda Civil, xulgáronos por asasinato e condenáronos a unha pena de 18 anos de cárcere, da que foron indultados tras cumprir 12. Pouco tempo despois apareceu O Cepa, vivo e feliz. Simplemente dixo que lle dera un “abarrunto” e fórase para un pobo próximo. O proxecto para facer unha película sobre o famoso crime de Cuenca xurdiulle ó guionista Juan Antonio Porto logo de estudar o caso. Despois, Lola Salvador Maldonado transformaríao en guión, interesándolle ó produtor Alfredo Matas, que lle propuxo a Pilar Miró o dirixilo. Rematada a película, a dirección xeral da Garda Civbil atopou nela motivos de delito, especialmente na “formulación e duración das escenas de tortura, así como na dureza das mesmas” considerando que supuñan “unha aldraxe ó Corpo, de todo punto intolerable”. A pesar de que “O crime de Cuenca” xa se exhibira no Festival de Berlín, un xulgado militar decretou a incautación do negativo e de todas as copias existentes. Ademais, Pilar Miró foi procesada polo Tribunal Militar baixo a acusación de inxurias á Garda Civil. Estrearíase no agosto de 1981 co distintivo de película “S”, coa idea de atemorizar ó espectador. Película rigorosa, violenta, de forte impacto, pero, á vez, tenra e desoladora.

Te puede interesar