Opinión

Arturo Baltar: barro de sentimentos

As ideas moven o mundo, mais antes transfórmanse en sentimentos. Gustave le Bon.


A rturo Baltar ten un corazón tan grande que non lle cabe na arca do peito. De maneira que se vai ramificando e chégalle até as xemas dos dedos das mans, depositarios dunha especial sensibilidade e dunha enxurrada de emocións. Co poder dun demiúrgo, enfróntase ao devalar existencial para que a vida fique detida na beleza artística do barro do que todos estamos feitos.


As fascinantes creacións de Arturo Baltar son expresións da intensa paixón do artista polo universo que o rodea e agarima. Combinación de románico e barroco, os dous estilos que mellor vesten a alma artística do noso pobo. A delicadeza e autenticidade das figuras humanas, nas que salienta a grande expresividade de boca e ollos, dispostas as máis das veces en escenas ateigadas de vida e de trebellos, con vistosa policromía de ocres, amarelos e verdes (as cores da terra e da vida), como na marabilla da escena que reproduce o extraordinario mercado das olas, microcosmos popular a onde veñen confluír pesares e ilusións. Arturo fai realidade o pensamento do sabio Otero Pedrayo a respecto do mundo campesiño: o pobo galego gusta de dispor a realidade en forma de ’retábulo’, en harmoniosa escenografía.


Nada lle resulta indiferente ao creador. No seu inxente repertorio, hai sentida devoción pola muller: o amor materno-filial (humano ou divino), cargado de dozura e amparo, anima innúmeras figuras e grupos humanos, ora en forma de esculturas, ora en forma de relevos. A escena-retablo da matanza dos inocentes presenta a crueldade da traxedia nos rostros desencaixados das nais ao veren os fillos mortos e nas árbores atormentadas, testemuñas impotentes do sufrimento maternal. A relixiosidade popular maniféstase maxistralmente na escena-retablo do enterro, co recollemento fervoroso das persoas que se axeonllan ao paso do cortexo fúnebre e coa admiración temerosa nos ollos dos nenos que se acubillan en fiestras e corredores ou no relevo que representa as ánimas do purgatorio. E tamén nas pequenas figuras ou relevos de virxes e santos, obxecto do fervor da xente humilde, así como nas múltiplas escenas que recrean a vida de Xesús e a Virxe, con elementos da nosa arquitectura popular e con personaxes que nos resultan moi familiares. O corazón do artista, bondadoso, é morada agarimosa para todos os desherdados e abandonados do mundo: mulleres e homes que imploran misericordia ou demandan xustiza, os pobres de pedir que andan de porta en porta, os vellos desvalidos e impedidos que agardan a xenerosidade, os nenos esfameados que tremen de frío, os cegos cos seus cantares e cartaces, os xitanos ambulantes co número da cabra, etc. O creador goza coa ledicia da vendima e da feira, cos labores do liño e coa troula sensual do Entroido; coa conversa amena e instrutiva de afiadores e oleiros, de zapateiros e canteiros, continuadores dos vellos oficios; coa fantasía dos que traen espectáculos doutras terras; coa calor da taberna da aldea, onde se afogan mágoas e fatigas; coa luz da botica e a rebotica, que garda os maiores segredos; coa poderosa atracción do café-cantante, que sementa tentacións en todas as olladas e fai voar a alma.


O escritor francés Antoine de Saint-Exupèry fai do sentimento o eixo temático da alfaia literaria ’O Principiño’: ’Soamente se ve ben co corazón. O esencial é invisíbel para os ollos’.


Do paraíso de Cachamuíña, onde o artista esconxura o desalento, veñen sons e imaxes portadoras de acougo que se mesturan coa luz de misticismo que ilumina toda a escenografía. As uvas e mazás penduradas do faiado para o deleite do inverno avivan as emocións da infancia afastada, mais eterna.


Exquisita marabilla íntima da humanidade, que ha proxectar Ourense no mundo, a obra artística de Arturo Baltar descóbrenos a grandeza do miúdo, á medida do noso ollar, ateigado de sentimento, que nos reconcilia coa auténtica dimensión da condición humana.

Te puede interesar