Opinión

Que facemos coas vías?

Parece que, como consecuencia da próxima posta en funcionamento de novos tramos de vía do AVE na súa entrada en Ourense, volve estar vixente a cuestión de que facer cos tramos de vía que se deixan de utilizar. A este respecto quero lembrar que xa no ano 2009, un grupo de alumnos de 4º da ESO do IES Universidade Laboral da nosa cidade gañou o IV Premio Escolar Renfe-Ave, a nivel estatal, co traballo titulado “Aprovechamiento de vías y estaciones en desuso: tren metropolitano de Ourense”. O traballo foi dirixido por quen isto escribe e os alumnos participantes foron: Enmanuel Fdez. Moradiellos, Jenifer Iglesias Novoa, Kevin Lista Campos, Brais Navega Durán, David Novoa Sequeiros, David Outeiriño Rguez., Iván Rguez. Conde, Javier Vázquez Garea e Jessica Vinhais Ribao.

O traballo contemplaba a realización dun tren metropolitano ou metro de superficie entre o balneario de Laias (Cenlle) e Taboadela coas paradas seguintes: Laias, Barbantes-Estación, Arrabaldo, Santa Cruz, Untes, Barrio, Outariz, Quintela, Casardomato, O Pino, A Ponte-Empalme, Avda. Marín, Noriega Varela, San Francisco, Residencia, Barrocás, Rairo, A Cuña, Seixalbo, Reboredo, Polígono, Castroverde e Taboadela. En Laias e Taboadela, extremos da liña, contemplábanse senllos amplos “aparcadoiros disuasorios” gratuítos para seren empregados polas persoas que, procedentes desas dúas localidades e pobos próximos, quixesen empregar o transporte público cara/dende Ourense. A frecuencia estimada establecíase inicialmente en vinte minutos en cada sentido. O traballo contiña análises de posible tráfico de persoas a partir dos datos do movemento das distintas liñas de autobuses máis o menos coincidentes con trazado das vías e tamén se enumeraban empresas, centros oficiais, centros sanitarios, centros de ensino primario medio e universitario, balnearios, centros comerciais, loxísticos e industriais, etc., aos que podería beneficiar este novo servizo. Completábase o estudo con planos a varias escalas dos distintos tramos do percorrido, fotografías, desdobres de vía para o cruce de trens, aproveitamento de instalacións existentes, novos apeadeiros, distancias, tempos, etc.

Ao remate da cerimonia de entrega de premios, celebrada o 21 de abril de 2009 no Museo do Ferrocarril da rúa de Delicias de Madrid, varios altos cargos e enxeñeiros de Renfe e Adif indicáronme a conveniencia de visitar aos distintos representantes dos grupos políticos e asociacións de Ourense para explicarlles o proxecto co fin de que, chegado o momento oportuno, apoiasen esta iniciativa que, segundo eles afirmaban, era perfectamente viable e moi recomendable. Deste xeito, copias do traballo fóronlle entregadas ao alcalde de entón -Francisco Rodríguez Fernández, do PSG-PSOE, que nos recibiu a todos no Concello- representantes do PP e do BNG, Federación de Hostalería, Confederación de Empresarios, Federación de Asociacións de Veciños…, dándose o curioso caso que varios membros dalgúns grupos políticos me solicitaron o traballo varios anos despois por descoñecemento do mesmo ou porque perderan o entregado no seu momento. Naturalmente, faciliteilles novas copias.

Evidentemente, este proxecto realizado hai máis de catorce anos debería ser actualizado. A primeira vista ocórreseme que debería prolongarse ata Ribadavia e incluír un novo ramal ata O Carballiño.

En calquera caso, sirvan esta liñas para que os ourensáns coñezan esta posible alternativa e tamén para homenaxear aos meus exalumnos antes mencionados que, co seu excelente traballo, deixaron en moi alto lugar á Laboral e a Ourense, sendo os pioneiros na achega dunha resposta lóxica e ecolóxica á pregunta enunciada no inicio: Que facemos coas vías?

Te puede interesar