Opinión

A Banda de música de Ourense vístese de ouro

Xa son varios os artigos que teño dedicado á banda de música da nosa cidade, con motivo das súas actuacións no patio de columnas do Liceo de Ourense.

Pois é esta sociedade cultural a que os acolle nos tempos de frío e chuvia; no resto dos días, bótanse ás rúas para enchelas das emocións e lembranzas que xeneran co seu variado repertorio. E deste modo, ano tras ano, os mestres e músicos, baixo a batuta de Francisco Pérez, enchen un espazo no corazón dos ourensáns, que so a través da música e dos seus instrumentos poden chegar e penetrar neles. Cada concerto é motivo para comentar cunhas letras, cunhas palabras emotivas, nuns versos ou nun comentario musical da súa posta en escea. Porén, este 14 de febreiro de 2014 foi un día especial, no que a Banda Municipal recibiu a Medalla de Ouro do Liceo de Ourense, para dar cumplimento ao acordo da xunta directiva, reunida o 30 do nadal do 2013. No acto non houbo máis que parabéns para todos os presentes que enchían o Salón Nobre, con discursos alusivos á historia da Banda ourensá.

O presidente do Liceo falou doutros directores, como Ricardo Courtier, e tamén da trayectoria da Banda Municipal até os nosos días. Entre moitas frases dixo que este sería un dos seus últimos actos públicos como presidente, e nesa frase curta penséi na inmensa xenerosidade que supón dedicarse aos demáis, sen agardar nada a cambio. De seguido e de xeito improvisado falou o director da Banda de Música, agradecendo o premio do Liceo, e expresando a colaboración incondicional da entidade coa banda que dirixe. Despois dun discurso breve e cheo de contido do alcalde, procedeuse á entrega da citada Medalla de Ouro e comezou o concerto.

Sete temas de diversos xéneros foron os elixidos para celebrar esa medalla. Entre eles “Suspiros de España”, do mestre marteño Antonio Alvarez Alonso, e “Los Nardos”, do mestre Francisco Alonso, sen esquecer os solistas de trompeta e bombardino que tiveron moitos aplausos noutras pezas. Case ao remate do concerto unha mención especial para un amante da música e un anfitrión de excepción como directivo do Liceo, Juan Fonseca, ao que o director lle dedicou unha recopilación de cantigas de Nino Bravo. Logo chegou o final con moitísimos aplausos, o que xenerou unha propina de luxo. O “futuro” himno de Ourense, titulado “Ourense no solpor”, de Manolo de Dios (que esperamos xurda do consenso de todos os grupos que forman o Pleno do Concello de Ourense), resoou entre os amigos que cantaban a letra. Un broche de ouro, tamén propio desa medalla merecida. E aínda que non é propio da miña pequena pluma dar parabéns gratuitos, hoxe é tempo de disfrutar desa condecoración e deixar para outro día que a Escea e Gran Marcha de Giuseppe Verdi debera ser máis matizada nas frases, destacando mellor os picattos. E xa dixen, como ourensán podemos gabarnos da nosa Banda Municipal, pola súa calidade e xenerosidade

Dedico este artigo a José Carlos Martínez Pedrayo, presidente do Liceo de Ourense.

Te puede interesar