Opinión

Ilusións políticas

Hai xa algúns anos, politólogos de certo prestixio facían pronósticos negativos en canto á deriva que iría tomando a política no noso país. Non é preciso acudir ás hemerotecas para repasar ditas análises, xa que estaba na mente de todos que, o que non se gañara nas eleccións, habería que disputalo nos tribunais. De certo, o intento de xudicializar a política foi adiante, e hoxe temos case todos os partidos divididos, enfouzados no cieno dos litixios para acadar o control e o poder, esquecendo que o que debera ser a súa pedra angular é a defensa das ideoloxías propias. Estas están tan volatilizadas e son tan etéreas, que ate poder recuperalas poden pasar moitos, pero que moitos anos de arrefrío para a súa suposta licuación ou redefinición. Esta é a razón de que na actualidade coexistan dous tipos de partidos: os de sempre e os persoalizados de carácter presidencialista. Nestes últimos, os brinquedos dialécticos crean ilusións políticas que sustitúen ás ideas. Non vou negar que gosto da dialéctica, poren o contido é máis ruín ca unha noz vana. E iso é perigoso. Imaxinemos que nos convidan a un espectáculo titulado “O Mintin”, no que as rúas son fermosas, a seguridade é do 100% e os seus habitantes gozan do pleno emprego. Á saída do teatro, tropezamos cuns indixentes, abóuxanos uns parados estafados polas preferentes, e temos que agacharnos para colocar unhas baldosas na beirarrúa. De todo aquelo que nos fixera felices a obra teatral para clases sociais altas que pagan o 21% de IVE sen esforzo, converteuse nunha ilusión con matices dramáticos na cruda realidade. Por iso quero deixar claro que as ideoloxías capitaneadas por unha persoa sempre buscaron a pureza e a orden, é dicir, conceitos subxectivos ausentes dun debate que xenera inquedanzas no que o fórmula.

As ilusións políticas xogan coas persoas que teñen a ben elexir os representantes nas institucións, e deste modo, interactúan estruturas orgánicas de ideoloxías estancadas cunha masa heteroxénea que roza a esquizofrenia cando ten que ir emitir o voto. Deste modo cada vez se incrementan máis os votos nulos, en branco e as abstencións. Por outra parte as ilusións políticas tamén gozan da acepción que está vinculada ás aspiracións persoales. Decía Aristóteles que todo home é político por natureza, e esa ilusión de exercer como tal é tan rancia na nosa sociedade, que poucos están dispostos a arriscar o seu “modus vivendi” para rematar esquecidos , no mellor dos casos, senon imputados e condeados, sen xuizo nen defensa, polos poderes mediáticos. Que llo pregunten senón ao alcalde de Caracas, ou ao exalcalde de Ourense, Paco Rodríguez, que ate este momento ningún dos dous sabe a razón da súa imputación e detención. Cando debera ser un acto de xenerosidade para os demáis, a ilusión política convértese nunha profesión de risco. Manda truco!

Te puede interesar