Opinión

Políticas de ilusión

Avanzando paseniño neste ano electoral, observo con perplexidade e en silencio as estratexias que cada partido político candidato ao governo emprega. E que cada un imaxine se se trata do local, autonómico o estatal. Se alguén tivese certa curiosidade polo que me pasa pola cabeza, teño que dicer que hoxe pode ser un día axeitado para disfrutar do Entroido máis tradicional conservado na nosa Comunidade Autónoma, e introducir este tipo de pensamentos, ben puidera estragar a festa, resultando ao fin de contas, unha perda de tempo. Por iso, non penso fazer unha recopilación de sucesos, contando a progresión duns ou a decadencia doutros. Non quero xulgar a explosión popular dos máis novos na area política, nen fazer referencia aos centos de casos de corrupción que atacan a honorabilidade da nosas institucións máis prestixiosas. A estas alturas decido falar do que máis de un quere chamar "ilusionar aos votantes". Esta frase feita é todo un reto para quen a formula, e todo un risco para quen a escoita con atención.

Desde a presunción de que nesta premisa, o concepto ilusión non entra dentro da acepción de ser unha representación que carece de veracidade, ou que é froito da imaxinación e está provocada por enganar aos nosos sentidos, podemos vinculala á esperanza. Quero entender que si unha proposta me ilusiona, espero o seu cumplimento, tanto para a miña satisfacción como para a repercusión e beneficio social dela. É, por tanto, un alto risco ilusionarse cun proxecto, idea ou cunha opción política determinada, se o grado de dependencia do seu cumplimento está afastado de nós. A esperanza que calquera deposita nun partido político, está en función da capacidade que teñen de ilusionarnos (e iso non debera seguir ese modelo). Pensen vostedes que hai pouco tempo tratábase de prometer, ou de "podo prometer e prometo". Nesa frase antolóxica de Adolfo Suárez, o aserto de ter a facultade de prometer, axudaba a botarse á piscina da promesa.

O mesmo acontece agora. Como case ninguén cumple unha promesa electoral (e intentan convencernos que estaba mal prometido), mudan o termo polo de ilusión. Esta palabra goza dun atractivo maior, e cumple unha función dupla: recibir máis votos, e nen sequera ter que prometer nada de nada. Eso si, se despois algo non funciona ou non satisface á maioría, a culpa será dos que viven de ilusións. Todos lembramos que non nos falaban dese tipo de ilusión, pero de certo que haberá que esperar catro anos para correxir o erro. Ese tempo abondará para inventar outra cousa que nos aparte temporalmente da razón, no momento de votar.

Te puede interesar