Opinión

A coresma de Feijóo

O pasado mércores, 2 de marzo, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reuniu ás seis da tarde a xunta directiva do Partido Popular de Galicia para pedirlle “autorización” á hora de presentarse como candidato a Presidencia Nacional do PP.

Ese mesmo día e a esa mesma hora moitas das parroquias de todos os recunchos de Galicia celebraban o Mércores de Cinza, día liturxicamente moi importante para a Igrexa Católica. Si, xa sei que vivimos nun Estado aconfesional (así o recolle a Constitución Española no seu artigo 16.3), pero non laico (esa sería tamén unha cuestión na que afondar), pero por iso me atrevo a facer esta comparación sen ánimo de banalizar esta celebración relixiosa, senón todo o contrario.

Co Mércores de Cinza, a Igrexa inicia o tempo de Coresma, rememorando os corenta días que Xesús pasou no deserto antes de iniciar o seu Ministerio Público. É o tempo de preparar a Pascua de Resurrección.

A Coresma é tempo de perdón, de penitencia, de purificación e de conversión… Na política tamén necesitamos destes tempos de vez en cando.

A Coresma é corentena, termino tan trillado por todos nós oa logo destes dous anos de pandemia. Na antigüidade, durante a Coresma as guerras eran interrompidas e incluso se liberaba os prisioneiros. Canto nos ensina, e cantos exemplos nos da a historia.

O noso presidente galego vivirá esta Coresma como un período de preparación, meditación e reflexión, consciente de que ten sobre os seus ombreiros unha gran responsabilidade, porque os seus acertos seguramente serán os acertos de todos e os seus erros tal vez sexan solo del, pois a “arte” da política moitas veces é así de cruel.

El é consciente de que polvo é, e en polvo se converterá. Así o ten expresado nalgunhas das intervencións que eu lle teño escoitado. Pero nos, o Partido Popular de Galicia, tamén sabemos (ao igual que todo o PP de España ) que el é hoxe en día o único que nos pode levar a celebrar a Pascua de Resurrección do Partido Popular.

Unha resurrección que, ata o de agora, foi boa para Galicia e os galegos, e estou completamente seguro que en moi pouco tempo será tamén boa para todo o pobo español.

Ata chegar a Madrid, antes haberá que facer moitísimos quilómetros. Bo camiño Presidente.

Te puede interesar