Opinión

Calefacción no Ourense do s. I d. C.

Non sei cantas vivendas terían calefacción en Ourense nos anos centrais do século pasado. Non serían moitas. Case se podería considerar un luxo, igual que os primeiros garaxes e ascensores, que comezan a normalizarse desde a década de 1960. Por iso, ás veces da a impresión que a calefacción nas vivendas é un logro contemporáneo, unha adquisición que se foi xeneralizando, cun ritmo lento e progresivo, desde aqueles decenios sesenteiros. Pero se lemos a historia con atención, observamos que existiron hiatos na transmisión tecnolóxica. A arqueoloxía permite coñecer evidencias ao respecto en Ourense desde hai case dous milenios. Si, dous mil anos!. Na zona das Burgas, apareceron as ruínas dunhas construcións denominadas hipocaustos baixo o patio do colexio das “Josefinas” e nas fincas traseiras das rúas de Cervantes e do Vilar. Son sistemas de calefacción que na nosa cidade remontan unha antigüidade que oscila entre a segunda metade do século I e o II, ambos d. C. 

Como funcionaba esta técnica? Basicamente trátase da enxeñosa construción dun pequeno soto que se quece por medio dun ou varios fornos -”praefurnium”- alimentados desde o exterior do edificio ou da propia estancia quentada. Ese soto estaba debaixo do chan da habitación -a ”suspensura”-, chan de ladrillo e outros materiais, aquí sostido por un conxunto de piares -”pilae”- que se adoitaban fabricar tamén con ladrillo, formando filas de resistentes columnatas que, como vimos, sustentaban o pavimento de uso da estancia. O calor que producían os fornos transmitíase a través do piso, quentando as habitacións. O efecto sería similar ao que producen as modernas calefaccións de solo radiante. Moitas veces as paredes estaban construídas cuns ladrillos circulares con anchas perforacións -”tubuli”- que permitían que o calor xerado no soto se transmitise tamén a través do interior das paredes, resultando un confortable efecto calórico envolvente. O chan necesitaba ter unha consistencia moi forte, porque debía soportar incluso a instalación de piscinas, instalacións que exercen unha gran presión, ademais das habituais construcións domésticas e ornamentais. Nos edificios máis luxosos, tanto os solos das estancias como os fondos das piscinas, adoitaban ornamentarse con suntuosos mosaicos. De momento non é o caso dos vestixios que se atoparon nas escavacións das Burgas, pero si era común que eses chans -as “suspensura”, lembren- estiveran reforzados con formigón. O sistema de hipocausto seguramente ten orixe grega, pero foi amplamente desenvolvido polos romanos. Pódese  documentar nas Termas Stabianas da cidade de Pompeia a finais do século II a. C. Utilizouse con moita frecuencia nos ambientes termais, propiciando un agradable ambiente de baño en todo o imperio, que chegou a estenderse desde Asia Menor ata o Atlántico, e dende o norte de África ata Xermania ou Escocia. Unhas condicións climáticas enormemente cambiantes non só en función das estacións do ano, se non tamén da latitude, nas que esta enxeñosa calefacción permitiu facer uso dos baños en calquera condición climática e lugar, expandindo os costumes termais romanos por cada recuncho do imperio. 

Comprobamos como a nosa cidade non foi unha excepción no uso dos hipocaustos. O entorno das Burgas é o lugar da cidade romana onde, polo momento, descubrimos estas calefaccións tan antigas, que se remontan ás mesmas orixes do núcleo urbano, relacionándose co espazo seguramente máis significado para os ourensáns.

Te puede interesar