Opinión

Cotas 131, 136 e 154: pensamentos sobre unha topografía do poder

Pazo episcopal e Sta. María Nai dende o soportal da Casa do Concello.
photo_camera Pazo episcopal e Sta. María Nai dende o soportal da Casa do Concello.

Sempre que teño ocasión fálolles da importancia do complexo catedralicio na configuración da nosa cidade. Adoito chamarlle “acrópole episcopal”, ese conxunto edilicio hoxe moi secularizado que se estendía entre a catedral de San Martiño e o pazo episcopal, actual sede do Museo Arqueolóxico. Formaba un núcleo de poder que acollía a residencia do bispo, señor da cidade entre 1122 e 1628, despois que Teresa de Portugal lle concedera aos prelados o señorío xurisdicional. Este centro medular urbano, que dende o século XII organiza a cidade medieval, erguíase maxestoso sobre gran parte dela, dominando con autoridade a Praza do Campo -actual Praza Maior-, que acollía o mercado e, ás veces, a nacente institución municipal. Pois ben, como referencia direilles que a citada residencia do bispo, edificio cunha inscrición no lintel fundacional do ano 1132, ten unha cota altitudinal de 136 m xunto ao seu claustro románico. 

O Concello de Ourense como institución, cuxa historia nunca investigamos, ben pode ter orixe nese século XII, posto que no XIII o rei Alfonso IX de León xa o cita como algo cotián. Outra cousa é o edificio municipal. A situación actual, no lado sur da Praza Maior iniciase, cando menos, en 1516. Antes reuníanse nos adros das igrexas, das capelas, nas casas dos edís e, incluso, na propia Praza do Campo. O actual edificio consistorial ten, no lugar máis próximo á escalinata de Santa María Nai, unha cota altitudinal de 131 m, cinco metros máis baixa que o fogar do bispo. De sobra coñecidos son os conflitos ente o bispado e o poder municipal durante toda a Idade Media. Para que se fagan a idea, e como lles contaba noutra ocasión, en 1291 as xentes do bispo Pedro Yánez de Novoa, mataron ao xuíz real Martín Núñez. Entón, varios homes leais ao concello, fixeron o mesmo co sobriño do bispo e, perseguidos por este, refuxiáronse no convento de San Francisco, daquela situado na praza do Correxedor. A partida do bispo irrompeu no convento prendéndolle lume e matando a varias persoas. Tal era a fenda nas relacións entre os poderes civil e eclesiástico.  

No tempo dos Reis Católicos, a finais do século XV e inicios do XVI, repunta con forza un movemento de concentración do poder na coroa real. Forma parte do proceso que chamado “nacemento dos estados modernos”, que necesita da progresiva eliminación dos poderes señoriais para centralizalos no novo estado. Collen pulo os correxedores, funcionarios reais creados a finais do século XIV para representar á coroa nos municipios e controlar a xestión dos señoríos locais no nome do rei: “co-rexen”, de aí o nome. No no tempo dos citados Reis Católicos constrúense as primeiras Casas Reais, no ángulo surleste da Praza do Correxedor. Nunha fachada aínda poden ver a inscrición do Licenciado Baltasar de la Fuente Vergara, correxedor en 1620. Cal e a cota altitudinal das vivendas deste funcionarios rexios? A de referencia máis próxima e de 154 m. Reparen, dezaoito metros por riba da morada dos bispos.  

Este escrito conta como o poder de cada o momento sitúase por riba dos outros. Primeiro o do bispo sobre o concello. Despois os correxedores sobre os bispos. Pero todo é froito dunha fantasía topográfica. Ou quizais non.

Te puede interesar