Opinión

Monumento desaparecido: Ponte Pelamios

A Ponte Pelamios no Ourense do s. XIX.
photo_camera A Ponte Pelamios no Ourense do s. XIX.

Non poucas veces lles contei que o río Barbaña foi, por dereito propio, o río de Ourense. Esta moi vinculado á cidade dende que esta naceu, ala polo século I d. C. Tributario del é o Regado das Burgas, que recollía a augas das fontes que manan moi próximas ao curso fluvial. Nesta zona para atravesar o Barbaña, existiu a Ponte Pelamios. Situábase moi cerca das surxencias termais e dos Baños de Outeiro, os que hoxe abandonados sitúanse detrás do vello Cárcere Provincial. O camiño que levaba á ponte, a actual Canella do Rastro conduce directamente ás súas ruínas, actualmente cubertas pola maleza.

A Ponte Pelamios formaba parte dun camiño seguramente medieval que saía da cidade por poñente. Dende As Burgas permitía cruzar o Barbaña para continuar cara a Piñor, despois dunha dura e sinuosa subida á que debían enfrontarse os camiñantes unha vez que atravesaban o río. Posiblemente continuaría pola terras altas que bordean o Ribeiro pola marxe esquerda do Miño, transcorrendo polas proximidades do Castelo de Louredo hacia Toén e Castrelo de Miño. Practicamente non temos datos históricos sobre a antigüidade desta obra de enxeñería. Pero as fotografías que se conservan denotan unha semellanza coa Ponte Loña, seguramente erixida na primeira metade do século XIII. De feito, nos arquivos fotográficos existen unhas postais das dúas pontes con nomes cambiados, aínda que o arco da do Loña aparentemente parece máis apuntado que a dos Pelamios. En todo caso, se non aparecen documentos sobre el agachados nalgún arquivo, xa nunca poderemos estudalo “in situ”, porque foi arrasada por unha enchente do Barbaña, como consecuencia do temporal desencadeado a noite do sábado 14 de xullo de 1945. A riada foi moi violenta e destrutiva. Tanto que o Pleno o Concello de Ourense, do día 2 de agosto dese mesmo ano, acorda “Habilitar un crédito de 180.000 pesetas para subvenir, de momento, a los efectos producidos por la tromba de agua que descargó sobre esta capital el próximo pasado día 14. La referida cantidad tendrá la aplicación siguiente: 25.000 pesetas para contribuir a la subscripción abierta en el Gobierno Civil. 50.000 pesetas para los gastos de reposición de pasarelas sobre el río Barbaña, y reparación urgente de lavaderos, fuentes y caminos. 90.000 pesetas para lo que demanda la clarificación de las aguas de la traída general, totalmente enturbiada, y 15.000 pesetas para otros gastos motivados por dicho impresionante motivo”. Como calculabamos noutra ocasión, e para que nos podamos facer unha idea da cantidade dedicada a paliar a dita catástrofe, das 180.000 ptas. do ano 1945 situaríannos nunha partida que, a grandes trazas, aproximaríanos a uns 90.000€ actuais, cantidade que probablemente non alcanzou para compensar moitas das desfeitas. O desbordamento provocou outros cuantiosos danos ao seu paso, tanto humanos como materiais. Entre estes últimos destacamos os ocasionados na casa de baños “La Moderna”, así como a total desaparición do fielato que existía na marxe esquerda do río ou as avarías que causou na “Panificadora Moderna”. Pero os máis cuantiosos foron os danos que ocasionou aos particulares e, sen dúbida os máis dolorosos, as vítimas entre a poboación.

Desafortunadamente sabemos máis da destrución da Ponte Pelamios que da súa edificación. Ás veces a historia agacha secretos que rematan en relatos moi dolorosos.

Te puede interesar