Opinión

“Porto Vello”, non “Portovelo”

Gracias á historia sabemos de sitios que permiten salvar o Miño sen pontes. Son os portos e os vaos. Estes últimos permitían cruzalo a pé nas estiaxes e identificábanse con topónimos específicos -“vao”- que aínda hoxe se conservan. Seguro que coñecen a “Pena do Vao”, baixo a fonte termal cerca do km 2 do Paseo das Ninfas. Incluso, no medio da cidade. Se van ao Centro Comercial Ponte Vella dende Samuel Eiján, teñen que descender por unha curta e empinada costa ata as portas do establecemento. Pois ben, aí estarían percorrendo o vello “Camiño do Vao”, que conducía ao que existiu entre as pontes Nova e Vella. 

Tamén no Miño existiron “portos” para o tráfico fluvial. Gracias a Juan Carlos Rivas coñecemos o “Porto Auriense” e o Porto Vello”. O primeiro, pertencente ao bispado, situábase augas abaixo da Ponte Vella, á altura da capela dos Remedios. O “Porto Vello”, administrado polo cabido, seguramente estaba xunto ao rochedo chamado Os Canos, cerca da desembocadura do Loña. Sería unha instalación sinxela, unha plataforma a modo de embarcadoiro con postes de pedra e, acaso, unha rampla que permitía embarcar carros e animais grandes. Este transporte con barcas sería tanto de persoas como de produtos do campo e facenda. Incluso mercadorías, como cordas, madeiras e outros. A barca atravesaría dende Os Canos ata a Praia da Concha, xusto enfronte e hoxe tapada polos recheos procedentes das obras do paseo fluvial. O Porto Vello foi moi importante para o Ourense medieval e moderno, como proba a existencia da capela que se conserva no xardín situado baixo o actual Conservatorio Profesional de Música. Organizou romarías nas que se celebraba unha procesión fluvial. Nela a Virxe atravesaba o Miño nunha barca ata Peliquín. Tanto Rivas como Olga Gallego din que a referencia máis antiga da ermida é do ano 1389, data que interpretan como unha refundación do recinto sagrado por parte duns novos patróns. Iso presupón que a presencia do santuario neste lugar é máis remota e que se utilizou como porto para persoas e mercadorías dende tempos moi anteriores. O escudo da fachada principal está adornado coas armas dos Puga, Losada, Sotelo, seguramente dos  Arias e dos Díaz de Cadórniga.

Todos estes datos, como moitos que quedarán para outra ocasión, evidencian a importancia da capela e do porto fluvial ao longo da nosa historia. Mais, é indispensable conservar a toponimia correctamente. Polo valor lingüístico, claro está, pero ademais polas grandes posibilidades que proporcionan os nomes dos sitios para reconstruír a historia dun lugar determinado. Tanto para os historiadores en xeral como para os arqueólogos en particular, a microtoponimia é unha información  esencial. Desafortunadamente a ermida de Porto Vello conta con sinalización turística que a denomina “Portovelo”, despoxando ese lugar de todo significado. O nome correcto de Porto Vello, ben sexa para a ermida como para o lugar onde esta está emprazada, é indispensable para non esquecer  que aquí, nas Lagoas e nesta beira do Miño, existiu un vello porto fluvial, detectado polo menos dende o medievo, que permitíu cruzar o río sen necesidade dunha ponte e contribuíu, coas súas instalacións máis ou menos complexas, a que fluísen con regularidade persoas, bens e mercadorías para un mellor desenvolvemento das dúas beiras do Miño ao longo da historia.

Te puede interesar