Opinión

Século V, tempos escuros para Ourense?

Reino suevo de Gallaecia e Hermerico, primeiro rei.
photo_camera Reino suevo de Gallaecia e Hermerico, primeiro rei.

Nos estudos históricos dicimos que os tempos son escuros cando escasean os datos. Non é mala metáfora porque, se permiten outra, os referidos datos iluminan o coñecemento do pasado permitíndonos observalo e, se as investigacións son de calidade, entendelos con profundidade. 

Pois ben, neste sentido e para a cidade de Ourense, aínda temos momentos históricos moi escuros, dos que sabemos ben pouco. Un deles é o final da etapa romana, especialmente os séculos IV e V, que coinciden cos estertores do imperio e o inicio do chamado “período xermánico”, que sentará as bases da Idade media.  

Nesa época, constatamos na cidade algúns restos de edificios e unhas cantas sepulturas que comezan a prodigarse entre ou sobre eles. Como lles contarei noutra ocasión, para non estendernos agora, unhas tumbas feitas con tellas romanas, planas e ás veces curvas -tégulas e ímbrices- salpican a cidade dende o século IV, convertendo en sitios de enterramento as ruínas dalgúns edificios ou situándose ao seu carón. Tamén de momentos tardíos é unha construción hexagonal descuberta moi cerca da actual igrexa de Santa María Nai, con función e cronoloxía non totalmente identificadas. Nun sitio próximo, debeu existir un gran edificio erixido na época tardorromana -séculos III ou IV-, cuxas columnas adornan agora a fachada desta igrexa rematada en 1722 por Muñoz de la Cueva sobre as ruínas da edificada polo tamén bispo Ederonio en 1084. 

Entre a historia e as lendas, emerxe a mediados do século VI a figura do rei suevo Carriarico, que reinou entre os anos 550 e 559, rescatado polo historiador e bispo galo-romano, case coetáneo del, Gregorio de Tours (538-594?). Ben é certo que os feitos narrados na súa “Historia Francorum” -Historia dos francos, escrita entre os anos 573 e 579- non foron totalmente comprobados, como tampouco a súa localización exacta, se ben a tradición o sitúa en Ourense, onde puido ter a súa corte nalgún momento do reinado. Segundo o relato de Gregorio de Tours, o fillo de Carriarico foi contaxiado coa lepra. O rei, que nese momento profesaba o cristianismo arriano, escoitara falar dos milagres de San Martiño de Tours. Así, encomendou ao santo a curación do seu fillo, co voto de converterse ao catolicismo se o curaba. Parece que así aconteceu, e Carriarico introduciu o culto martiñán en Galicia, consagrando a catedral de Ourense no seu nome. Tal advocación é o motivo principal polo que algúns sitúan o episodio da curación e conversión en Ourense, coa sé dedicada a San Martiño e, quizais, corte sueva naquel momento. 

En efecto, os datos para esta etapa histórica de mediados do século VI son febles, incluso para os inicios do século V. A maior certeza que temos para os territorios do noroeste hispánico, é que dende o ano 411, iniciado o século V, e ata o 585, o territorio ourensán formaba parte do Reino Suevo da Gallaecia, o primeiro reino medieval de Europa. Incluso anterior ao dos francos, do 481, e ao visigodo de Toledo, do 507, que si estudamos no colexio. Pero daquela, ninguén nos ensinaba que Gallaecia foi, tras a caída de Roma, o primeiro reino europeo; tamén o primeiro cristián e que acuñou moeda. E Hermerico o seu primeiro rei, datos importantes para a historia da Galicia.

Te puede interesar