Opinión

Sucesos tumultuosos no convento de San Francisco

Esquina do Correxedor onde estaría o primitivo convento de San Francisco.
photo_camera Esquina do Correxedor onde estaría o primitivo convento de San Francisco.

Acidade de Ourense e o seu territorio inmediato pasou por distintas etapas de gobernación. A partir do século XII, concretamente desde o ano 1122 e ata o século XVII, foi administrada polo bispo. Nesa longa etapa o prelado era ao tempo “pastor de almas” e “señor de vasallos”. Iso crea unha situación non exenta de dificultades entre o bispado e o concello, con interminables disputas que incluso chegaron a provocar episodios dramáticos. Un deles ten que ver coa localización do convento de San Francisco, antes de que se convertera en cuartel militar e Arquivo Histórico Provincial, este último recén inaugurado. Todos sabemos que o convento estivo aí ata a Desamortización. Pero, desde cando e por que causas? Esa situación privilexiada, no miradoiro natural das faldras do Montealegre, non foi o primeiro emprazamento en Ourense, se non que se remontaría a mediados do século XIV, desde a edificación da igrexa en 1348 -a mesma que hoxe loce no parque de San Lázaro- e do magnífico claustro, erixido entre 1325 e 1350, e ata a década de 1830, cando se abandona, como xa vimos, por causa da Desamortización.

Os frades franciscanos son unha orde mendicante fundada por San Francisco de Asís nos inicios do século XIII, ao redor do ano 1209, cando o Papa Inocencio III aprobou de forma non escrita as regras da orde. A partires de entón, como tamén os dominicos -outra orde mendicante fundada pouco despois- comezan a edificar os seus conventos nos límites das cidades medievais. Máis antes de continuar, permítanme un inciso. Para a instalación dos dominicos en Ourense debemos agardar ata o século XVII, e o fixeron no lugar onde hoxe está o edificio de Facenda. A actual igrexa de Santo Domingo -ou de “Santa Eufemia do Norte”- é o que premanece visible daquel convento. Volvendo sobre o de San Francisco, testemúñanse a súa presencia en Ourense cando menos desde 1238, pero non no lugar que pensamos. Con certeza, posto que existen indicios doutro anterior, situábase dentro do actual núcleo histórico, na praza do Correxedor. A mediados do século XIII este lugar chamábase “Cimadevila” e “Barrio Novo”, topónimos que reforzan o seu carácter periférico na cidade medieval. Máis os conflitos ente o bispado e o concello tiveron consecuencias que tamén afectaron ao tecido urbano e teñen que que ver coa localización do convento. No ano 1291 as xentes do bispo, daquela o macedán Pedro Yánez de Novoa, déronlle morte ao xuíz real Martín Núñez. Posteriormente, homes armados leais ao concello, fixeron o mesmo co sobriño do bispo. Perseguidos polo prelado, buscaron refuxio no convento de San Francisco, situado daquela -lembren- na praza do Correxedor. Pero a partida armada do bispo non respectou o asilo dos franciscanos, irrompendo no convento, prendéndolle lume e matando a varios cidadáns. Como consecuencia diso, o bispo e a súa descendencia, da Casa de Maceda, foi obrigado a edificar un novo convento o que se cumpriu, segundo as datas da súa edificación, bastantes anos despois. Esa é a causa de que o convento, logo cuartel e agora Arquivo Histórico, se encontre no lugar que coñecemos, aínda que as vicisitudes non remataron, posto que a súa igrexa foi parcialmente desmontada e trasladada ao parque de San Lázaro en 1928.

Te puede interesar