Opinión

Profecías de profetas

Non sei que terá o oficio de ministro que cando non hai outras razóns obxectivas encoméndanse á Santísima Trindade para fundamentar razoamentos terreais. Pasoulle a Elena Salgado que disposta a carón dunha mesa padiola e a correspondente bola de cristal rematou por ver no fondo do precipicio uns brotes verdes espantosos que segundo ela reverdecían. 'Non son xigantes senón muíños de vento...' A Fátima Bañez tamén lle pediu ese corpo serrano de ministra apelar a un inusitado dispendio de optimismo despois de humillar a este país cos peores datos de emprego que se puideran imaxinar. Un pensa que a ministra perdeu o tino ou simplemente desexa provocar máis cabreo na tropa que xa vive literalmente na desesperanza froito de tanto desacerto.

Este país que tan só ergueu visionarios para exercer corruptelas e afear a cara das institucións non foi quen de fabricar un líder de verdade, deses que ben asesorados apelan ao entusiasmo e ao traballo de equipo para implantar novos liderados. Cando o ex presidente Lula, no miolo da crise financeira e en previsión dunha caída do PIB que arrastrara á economía do país, non dubidou un instante en acudir ao Nadal do 2008 a demandar ao pobo brasileiro a espertar o consumo. Lula pode presumir de ser quen de espantar a miseria e a pobreza de máis de corenta millóns de brasileiros. O liderado de Lula é incuestionable, hoxe -decimado por un cancro de larinxe- segue a traballar para que o goberno de Dilma Rousseff remate ben o seu mandato e lle mellore a vida aos brasileiros. As comparanzas son odiosas, un líder político cando está na oposición –aquí pasou- non pode alentar nin apelar á teoría do caos, porque hai certas profecías que se autocumplen.

Te puede interesar