Opinión

Adeus, amigo Luís

Acaba de deixarnos unha persoa moi especial, o Dr. Luís Rodríguez Míguez, a quen me une unha entrañable amizade cultivada ao longo de case cincuenta anos, nos que compartimos infinidade de momentos interesantes. Santiagués de pura cepa, coñecía a cidade pedra a pedra, e a toda a súa xente. Resultaba inimaxinable que puidese vivir noutro lugar, mais o destino trouxoo a Ourense, poñéndoo ao fronte da Xefatura Provincial de Sanidade, desde 1978 a 1998, realizando unha destacadísima labor. Cando chegou a xubilación, xa non quixo marchar de Ourense, esta cidade e as súas xentes conquistarano.

O labor administrativa non o afastou da súa vocación docente que desempeñou na Escola de Formación de Profesorado e nas Facultades de Humanidades e de Ciencias, onde tras doutorarse, obtivo por oposición a praza de Profesor Titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública. O seu labor docente e bonhomía fixérono merecedor da primeira Medalla de Ouro da Facultade de Ciencias que recibiu o 31 de marzo de 2004.

Ao longo destes anos organizou innumerables cursos, xornadas, seminarios, congresos…, realizando un extraordinario labor de formación continuada dos profesionais sanitarios. Era ademais un magnífico organizador. Todo estaba sempre perfecto, mesturando o científico e o social. Ocupou cargos de máxima relevancia sanitaria: subdirector xeral e director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. 

Foi tamén presidente da Academia Médico-Cirúrxica de Ourense, que viviu durante o seu mandato momentos de extraordinario esplendor. Mais, sobre todo, foi a persoa que máis fixo polo  termalismo en Galicia nos últimos trinta anos, iniciando e desenvolvendo o interese polo seu estudo, sendo semente e fermento do seu desenrolo actual. Ao longo de dez anos, organizou os Cursos de Hidroloxía Médica de O Carballiño, facéndose merecedor dos máximos recoñecementos de dito concello que, en 1995, o nomeou fillo adoptivo e concedeulle a súa Medalla de Ouro.

Para el, a Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia creou a cadeira de Hidroloxía médica, da que tomou posesión o 26 de febreiro de 1999, e pola súa iniciativa tamén se creou, en 2009, a Cátedra de Hidroloxía Médica na Facultade de Medicina de Santiago da que é codirector. A pasada semana, presentamos no Foro La Región, con grande éxito de público, o libro “Los baños de clareo. Historia del Balneario de San Benito de Aguasantas”, do Dr. Manuel Martínez Pérez, que a cátedra lle dedicou ao Dr. Miguez coma homenaxe de cariño e recoñecemento.

No lúdico poñía a mesma intensidade que no traballo. Membro activo e belixerante da Irmandade dos Viños Galegos, era amigo da boa mesa, das botellas de viño ben conversadas, pois o viño, dicía, axuda a compartir palabra e pensamento, aínda que o que máis lle gustaba era esconxurar unha queimada. Ía para ilo a onde o chamasen por lonxe que fora.Foi un home culto, preocupado polo que ocorría ao seu arredor, que observaba e xulgaba con ollada, pluma e lingua crítica, non exenta en ocasións de certa causticidade, que non poucos problemas lle ten causado. A pesares diso, soubo gañar a amizade e simpatía de moitas persoas e institucións que hoxe lamentan a súa irreparable perda. Unha persoa que os seus amigos imos botar moito de menos lembrándoo con frecuencia e ledicia. Descansa en paz, amigo Luís. 

Te puede interesar